O PP colle a dianteira electoral cos seus once cabezas de cartel elixidos

O BNG tan só ratificou tres alcaldables na comarca, polos dous do PSdeG-PSOE


vilagarcía / la voz

Menos de catro meses restan xa para o domingo 26 de maio. Un suspiro en termos electorais. Porén, e a excepción do Partido Popular, as grandes formacións políticas semellan non ter excesiva présa por concretar xa non os integrantes das súas candidaturas, senón mesmo a identidade dos seus aspirantes a ocupar o bastón de mando dos once concellos do Salnés e do Baixo Ulla tras as inminentes eleccións municipais.

A folla do mes de xaneiro voou do calendario co partido da gaivota avanzando cara o próximo horizonte das urnas como única gran forza política cos seus once alcaldables ratificados. Desde a presentación o pasado 6 de outubro de Alfonso Gallego como a baza elixida para tentar recuperar o despacho nobre de Ravella, o Partido Popular foi debullando os nomes dos seus restantes aspirantes ao triunfo na inminente contenda electoral. Un proceso que concluía o mércores co anuncio de Juan José González do seu quinto intento de poñer fin ao reinado socialista na Illa. Polo medio, a confirmación de José María Bello Maneiro, de Gonzalo Durán e de José Luis Pérez da súa intención de prolongar os seus dilatados rexistros á fronte dos asuntos municipais de Valga, de Vilanova e de Meis, mentres Juan Manuel Vidal buscará repetir nunha Alcaldía de Pontecesures que gañou a medio mandato vía moción de censura. Luis Aragunde tentará volver xestionar Cambados tras a súa derrota a mans do cuatripartito no pleno de conformación do goberno local do 2015. Polo demais, catro neófitos nisto de tirar do cartel electoral. Bea Castro, última presidenta da extinta Asociación de Hostaleiros do Grove, Carlos Vieites, candidato en Meaño tras a renuncia de alcaldesa Lourdes Ucha á reelección, Martín Vázquez, en Ribadumia, e o estudante de Filosofía de 22 anos Iván Caamaño, en Catoira completan os alcaldables do PP.

O BNG foi a formación máis madrugadora á hora de comezar a determinar os cabezas de cartel para as eleccións do 26-M. En setembro do 2018 o seu Consello Nacional ratificaba os nomes de Lucía César Veloso, de Víctor Caamaño e de Xoán Manuel Vázquez como aspirantes ás alcaldías de Vilagarcía, de Cambados e de Meis, respectivamente. A primeira, logo de substituír como voceira municipal a María Villaronga, anterior candidata do BNG, retirada da política a comezos do presente mandato por cuestións de saúde. Caamaño é voceiro municipal desde o 2007, e tenente de alcalde de Cambados desde o 2015, mentres que Vázquez opta a unha corporación local na que participou coma edil no período 2003-2007. Desde setembro, nada máis se concretou nun BNG que daba esta semana practicamente por feita a presentación de candidato en Valga, o único concello da zona sen papeleta nacionalista nos comicios do 2015.

Máis retrasado inda se atopa o PSdeG-PSOE. Rematando xaneiro con tan só dous candidatos ratificados polas súas respectivas asembleas locais. María Ferreirós, presentada xa a mediados de outubro como aspirante a desbancar o popular José María Bello Maneiro en Valga, e o pasado xoves, Carlos Iglesias, que optará a reelección na Illa.

O caso dos rexedores socialistas

Os estatutos da formación socialista estipulan que os alcaldes que o decidan poderán repetir á fronte do cartel electoral dos seus respectivos concellos agás unha elevada contestación interna nas súas agrupacións locais. Alberto Varela (Vilagarcía), José Cacabelos (O Grove), Fátima Abal (Cambados) e Alberto García (Catoira) expresaron publicamente en diferentes momentos o desexo de optar á reelección, pero inda non materializaron os pertinentes trámites estatutarios do seu partido.

Os independentes de Pontecesures, os únicos sen decidirse inda

Media ducia de agrupacións de electores e partidos independentes de centro ou de centro-dereita obtiveron representación nas actuais corporacións locais da comarca. David Castro, alcalde por Independentes por Ribadumia, e José Aspérez, líder de Meaño Independiente, confirmaron a súa participación nos comicios de maio. Algo ao que tamén aspiran Félix Lamas polo PGD no Grove e José Ramón Abal por Cambados Pode. Os líderes de Independientes de Pontecesures, Maribel Castro, e de Terra Galega, Ángel Souto, afirmaban esta semana descoñecer se as súas formacións repetirán papeleta en Pontecesures.

Marea revolta en Vilagarcía, clara nas augas veciñas; e Cs di que o agarden

En catro concellos do Salnés se presentaron listas xurdidas das confluencias á esquerda do PSOE e á marxe do BNG nas anteriores eleccións municipais. Somos Cambados, Somos Ribadumia e Gañemos Vilanova terán como cabezas de cartel a Tino Cordal, a Enrique Oubiña e a Elena Cores, respectivamente. En Vilagarcía a presentación dunha única lista afástase tras o abandono de Esquerda Unida e do número 1 de Somos do proxecto Por unha marea na vila.

Pola súa parte, desde a sede rexional de Ciudadanos veñen de confirmar, se ben sen dar inda os seus alcaldables, que presentarán

listas en Vilagarcía e en Cambados, onde dispón de agrupacións activas, e que é probable que o faga tamén en Vilanova, no Grove, en Meis, en Meaño e en Ribadumia.

Media ducia de agrupacións de electores e partidos independentes de centro ou de centro-dereita obtiveron representación nas actuais corporacións locais da comarca. David Castro, alcalde por Independentes por Ribadumia, e José Aspérez, líder de Meaño Independiente, confirmaron a súa participación nos comicios de maio. Algo ao que tamén aspiran Félix Lamas polo PGD no Grove e José Ramón Abal por Cambados Pode. Os líderes de Independientes de Pontecesures, Maribel Castro, e de Terra Galega, Ángel Souto, afirmaban esta semana descoñecer se as súas formacións repetirán papeleta en Pontecesures.

Conoce toda nuestra oferta de newsletters

Hemos creado para ti una selección de contenidos para que los recibas cómodamente en tu correo electrónico. Descubre nuestro nuevo servicio.

Votación
1 votos
Comentarios

O PP colle a dianteira electoral cos seus once cabezas de cartel elixidos