Cambados aplica a tecnoloxía da «Champions League» para retransmitir os plenos

Cambados LA VOZ

CAMBADOS

BEATRIZ COSTA

O sistema estréase este xoves e tamén vai instalarse no salón José Peña, para gravar actos como os do Entroido

26 ene 2019 . Actualizado a las 21:38 h.

O Concello de Cambados vén de rematar a instalación dun novo sistema de vídeo e son para a retransmisión dos plenos municipais, mellorando a calidade de ambos e permitindo a posibilidade da realización de vídeo actas. Este novo sistema instalado pola empresa R, no que tamén colaboraron na súa posta en funcionamento o obradoiro de emprego de novas tecnoloxías Cambados emprende Xoven, ten un custe de dous mil euros e será sufragado con cargo a fondos municipais, sendo a primeira emisión de probas no pleno ordinario do vindeiro xoves (21 horas).

Este novo sistema utiliza unha tecnoloxía innovadora, deseñada para automatizar a xeración de contidos e a produción audiovisual de eventos, similar ao que a compañía desenvolveu para a retransmisións dos partidos da Champions League na súa plataforma televisiva. No que atinxe ao sistema que vai ser utilizado para a realización de vídeo actas é similar ao que se usa Salvamento Marítimo nos seus rescates cos helicópteros, segundo informa o concelleiro Xurxo Charlín.

Ademais dos plenos, tamén retransmitiranse outras actividades municipais, motivo polo que esta previsto que nos vindeiros días este novo sistema tamén sexa instalado no salón de congresos José Peña. A previsión que manexa a empresa R é que as cámaras poidan estar funcionando para o Entroido, e así poder gravar e retransmitir en directo ou en diferido os actos.

 

Esta interfaz permite crear unha canle de televisión na Internet automática, sen ter que investir en medios técnicos ou desprazar un equipo ao lugar de gravación, xa que funciona sen operadores de cámara ou realizadores. Grava, realiza e produce automaticamente un vídeo que se pode emitir en directo ou baixo demanda. Grazas á nova tecnoloxía, o Concello vai dispoñer dun produto economicamente competitivo capaz de seguir a acción de forma autónoma, realizar secuencias planeadas e zooms automáticos. Este sistema conta con funcionalidades avanzadas como a realización multi cámara, mesas de realización operadas na nube e accesibles a través de Internet ou a inserción de marcador, grafismos, publicidade e locución de forma automática en tempo real.

O Concello de Cambados foi un dos pioneiros en Galicia e o primeiro na comarca do Salnés en retransmitir os plenos municipais por Internet, desde decembro de 2015, con máis de 3.700 visualizacións. «A retransmisión dos plenos municipais para o actual goberno municipal, suscitase como unha acción para reforzar a transparencia e facilitar a participación cidadá na política municipal», indica Charlín.

«Lonxe quedan momentos como os que se viviron no pleno de Cambados na anterior lexislatura, cando gobernaba o Partido Popular, que negaba o dereito a que os veciños puidesen gravar os plenos, mesmo chegando a ameazar o propio voceiro da oposición, Luís Aragunde, coa expulsión do pleno o agora edil, Xurxo Charlín, por gravar os plenos para a súa posterior emisión no portal de Cambados.tk», engade o concelleiro de Somos.