A capital arousá organizará por terceiro ano o Campionato Galego por Equipos Contrarreloxio, o 12 de maio, e a vila do albariño a súa cita popular, o 15 de xuño
24 ene 2019 . Actualizado a las 05:00 h.«O calendario galego de triatlón está moi apretado. Non hai moito espazo para novas probas». Quen o di é Miguel Alejandro Fernández, director de carreira do Campionato do Mundo Multideporte que do 27 de abril ao 4 de maio dilucidará os novos reis do duatlón, do triatlón cros, do acuatlón, do triatlón de longa distancia e do acuabike en Pontevedra. No escenario apuntado polo tamén xerente de Lodeco, firma referente na organización de carreiras de triatlón en Galicia, Vilagarcía e Cambados confirman no 2019 a súa consolidación na oferta de probas dun dos deportes en auxe na nosa comunidade, coa capital arousá entre os escaparates pioneiros da combinación de natación, de ciclismo e de carreira a pé.
Así, o calendario oficial da Federación Galega do ramo para este ano ten confirmadas xa a celebración do X Triatlón Concello de Vilagarcía/Campionato Galego de Triatlón por Equipos Contrarreloxio, o domingo 12 de maio, e o IV Triatlón Popular de Cambados, o sábado 15 de xuño. En ambas, sobre distancia esprint (750 metros a nado, 20 quilómetros en bicicleta e 5 de carreira a pé) con Lodeco como empresa coorganizadora xunto cos respectivos concellos, e responsable do apartado técnico requerido para o perfecto desenvolvemento dunha disciplina da complexidade loxística do triatlón.
Miguel Alejandro Fernández adiantou onte que a previsión é repetir o marco do ano pasado en ambas as dúas citas. No caso do Triatlón Concello de Vilagarcía, asentándose como o escenario único dun Campionato Galego de Triatlón por Equipos Contrarreloxio na que será a súa terceira edición, co Club Triatlón Vilagarcía terceiro coorganizador xunto co Concello e con Lodeco. O peirao de pasaxeiros servirá de novo coma centro neurálxico, repetindo o circuito urbán cara Vilaxoán no segmento ciclista, e o paseo marítimo cara Carril no de carreira a pé, con categorías escolar (300 metros, 10 e 2 quilómetros), open e o Campionato Galego en si, femininas e masculinas. O ano pasado foron 66 os equipos participantes.
Co Club Atletismo Cambados como colaborador, e co Concello e con Lodeco coorganizándoo, o IV Triatlón Popular de Cambados repetirá o 15 de xuño tamén o seu circuito dos tres anos precedentes. Co peirao de San Tomé como escenario do segmento de natación e zona de transición, o ciclismo empregando a alameda como fondo principal, e o paseo marítimo para o percorrido a pé. Neste caso, ademais dos federados, a proba cambadesa, individual, admitirá a deportistas con licenza dun día, cun límite total de 200 participantes por rigorosa orde de inscrición. Un límite que deixou o ano pasado coas ganas a varios triatletas. Con categorías cadete, júnior, Sub-23 e veterán, a clasificación absoluta será para a primeira e para o primeiro en entrar na meta, que ben poden ser cadetes como os gañadores do 2018, Nerea García, do Náutico de Narón, e Jorge González, do Club Natación Ribeira.
Preguntado pola consolidación do Salnés no calendario autonómico de triatlón, o xerente de Lodeco fala de tres factores que o fan posible: «A zona de Arousa está ligada a Pontevedra, onde máis está en auxe o triatlón, con tres probas da Copa do Mundo en distancia olímpica entre o 2008 e 2010, o Europeo da mesma modalidade do 2011, que gañou Alistair Brownlee, e o Mundial de Duatlón do 2014. Pero o que máis inflúen son os clubs locais que se están a mover, que están traballando e xerando esas ganas de facer triatlón. E evidentemente, que os Concellos aposten polo noso deporte é imprescindible. E tanto o Concello de Vilagarcía como o de Cambados apostaron desde o primeiro momento polo triatlón».
O Ocean Lava Galicia prescinde da súa proba no Salnés
Na súa firme aposta polo triatlón, o edil de Deportes de Cambados, Víctor Caamaño, apoiou o Club Olímpico de Vedra cando este lle propuxo organizar no 2017 a primeira edición en Galicia dunha proba Ocean Lava, a marca de carreiras de triatlón creada polo danés Kenneth Gasque sobre a base do Ironman Lanzarote, con sucursais en media Europa. Con distancias olímpica (1,5 quilómetros a nado, 40 en bici e 10 a pé) e media (1,9, 80 e 20), contaba cun trazado que incluía a vía rápida, e paso tamén por Vilanova e o treito illense da ponte. A decisión de Tráfico de non ceder efectivos para o control de carreiras en circuito, e a do C.O. Vedra de reducir o amplo número de probas que viña organizando, levou, explica o seu director deportivo, Ismael García, a deixar de facer o triatlón, e adxuntar este ano a marca Ocean Lava ao V Duatlón Concello de Vedra, Campionato Galego Contrarreloxio por Equipos.