Cambados recolleu 29 toneladas de roupa usada o pasado ano

Cambados LA VOZ

CAMBADOS

MARTINA MISER

O colector da igrexa parroquial foi o que recibiu máis material reciclable

23 ene 2019 . Actualizado a las 15:30 h.

O Concello de Cambados vén de recibir os informes anuais dos convenios de colaboración subscritos con Cáritas diocesana de Santiago como de Humana-Fundación para Pueblo polos cales instaláronse no municipio dez colectores de recollida e tratamento do residuo téxtil . En total recolléronse 29 toneladas de material o pasado ano.

Cáritas recolleu nos seus catro colectores 17.156 quilos de roupa usada, 189,3 máis co ano pasado, sendo o colector situado na igrexa parroquial de Santa Mariña Dozo, con 8.103 quilos, o que maior volume de roupa reciclou neste período. Séguelle o da igrexa de Corvillón, con 4.059 quilos, o do da igrexa de Vilariño, con 3.280 quilos, e do da igrexa de Oubiña con 1.713 quilos.

Nos seis colectores de Humana recolléronse 11.926,08 quilos de roupa, sendo o colector situado na rúa Os Olmos, con 4.526 quilos, o que maior volume de roupa reciclou neste período. No da avenida de Galicia recolléronse 2.558 quilos; no da rúa Sabugueiro, 1.564 quilos; no da avenida de Vilariño, 1.408, no da avenida da Coruña, 1.354 e no da avenida de Vilagarcía, 514 quilos.

Esta fundación leva a cabo campañas de sensibilización en torno á importancia da re-utilización e a reciclaxe de téxtil para a protección do medio ambiente e como fonte de recursos para a cooperación nos países do Sur. Humana conta con máis de 550 empregados. Forma parte da Federación Humana People to People, que agrupa a organizacións de 31 países

O concelleiro de Servizos Sociais, Sanidade e Terceira Idade de Cambados, Tino Cordal, valora como positivos estes datos, xa que estase a incrementar ano tras ano o volume de roupa reciclada grazas a integrar as distintas parroquias neste servizo. Cordal destaca, ademais, que as empresas encargadas do reciclaxe «certifican que todos os residuos non reutilizables xerados foron tratados con un xestor autorizado de residuos para a súa eliminación» e agradécelle a tódolos veciños, a súa colaboración con esta campaña.

O concelleiro considera que «entre os obxectivos desta campaña tamén estaba transmitir á poboación cambadesa valores como a reciclaxe e a solidariedade entre veciños, sobre todo nos casos en que existen necesidades evidentes».