Os papeis de Luís Rei fican en Cambados

Rosa Estévez
R. Estévez CAMBADOS / LA VOZ

CAMBADOS

MONICA IRAGO

O meco pasou moitos anos investigando a Cabanillas; a súa familia quixo que ese legado sexa de dominio público

26 dic 2018 . Actualizado a las 21:11 h.

«Meu pai foi un home de moitos papeis. Tiña moreas deles, e só el entendía a súa orde». Sabela, a filla maior de Luís Rei, herdou del a súa mirada escura. Asegura, non embargantes, que a xenética non a dotou con aquela oratoria directa e efectiva, aquel verbo florido e por veces brutal, que el gastaba tanto na casa de cultura de Cambados, como no salón de plenos do Grove, como en todos os demais escenarios da súa vida. Malia todo, Sabelavenceu o seu medo a falar en público. «A ocasión ben o merece», dixo. E levaba razón. Ela, e coma ela a súa irmá, e moitos outros membros da familia, tanto de sangue coma de afectos de Luís Rei, acudiran á Cambados para facerlle entrega ao Concello de boa parte do arquivo que, sobre Cabanillas, reunira o erudito grovense ao longo da súa vida.

A familia entregou os papeis de Luís porque «se había algo que quería era que todo o seu traballo fora de dominio público. Que lle servira a alguén, que se puidera usar. Non querería ver os seus arquivos nunha furna». «E se puidera escoller un sitio para que estes papeis estiveran, sería xustamente este», a biblioteca que agora leva o seu nome, na terra do poeta da raza.

Varios arquivadores, en formación perfecta, ocupaban o centro da sala. Son unha escolma que leva a firma de Emilio Insua, amigo e colaborador de Luís. Este, antes de marchar, encomendoulle quedar cos seus papeis, as súas cintas de casete cheas de entrevistas e conferencias, os vídeos, os borradores de textos, os recortes de prensa. Recoñecía Emilio que, ao principio, non foi capaz de meterlle o dente a todo aquel material. «Era moi doloroso. Tiven que deixar pasar moito tempo antes de ter a forza suficiente para abrir as caixas e atopar os papeis de Luís, coa letra de Luís». Pero, ao fin, o reencontro co vello amigo, a través da cara B da súa obra e dos seus esforzos, pagou a pena. E a mellor escolma de toda a documentación compilada durante anos polo biógrafo de Ramón Cabanillas, ordenada dun xeito intelixible para o común dos mortais, xa está a disposición de quen a precise. Está a documentación que Rei empregou na biografía de Cabanillas; moito traballo de hemeroteca; cintas e vídeos con entrevistas que ben merecen ser dixitalizadas canto antes; e «varios orixinais de conferencias e charlas que deu Luís sobre Cambados, Asorey, Cabanillas, a historia do Salnés... Traballos que poden dar pé a unha publicación de homenaxe ao seu autor», que ben merecida a ten.

De momento, todo ese material ficará na biblioteca. Quizabes non tarde moito en ser trasladado: o Concello de Cambados confía en que, máis pronto que tarde, se poida inaugurar na primeira planta de Exposalnés un museo dedicado ao Poeta da Raza. Un espazo que Cambados quere converter, grazas a achegas como a de Luís Rei, ou a da familia Pillado, ou a da propia familia de Cabanillas, nunha referencia indiscutible para os investigadores, para os amantes da literatura, para os mestres, para os turistas. Para Cambados en xeral.

Emilio Insua, que mentres falaba tivo que espantar a emoción en máis dunha ocasión, era só un dos moitos amigos de Luís que se deron cita na biblioteca de Cambados. Ata alí achegáranse Sabela e Sara, as dúas fillas do grovense, finado en agosto de 2015. Alí estaba tamén a nai e os seus familiares máis achegados. E moitos amigos que non quixeron pasar a ocasión e que converteron o acto de cesión dos documentos nunha pequena e merecida homenaxe a un home que foi «un activista da cultura marítima, ecoloxista, político na procura do ben común, e investigador da vida e da obra do cambadés máis universal», segundo o describían. Un home que pasou polo mundo sen ser indiferente ao que ao seu redor acontecía ?«agora estaría de loito pola traxedia do Sin Querer Dos»? e que non deixou indiferente, el tampouco, a ninguén. Luis, O Trosko, era do Grove, pero queríalle ben, queríalle moito, a Cambados. E queríalle a un mundo que nunca renunciou a intentar facer mellor.