«En Vilagarcía e Cambados estanse a arquivar moitas causas sen dar ordes de protección»

Serxio González Souto
s. gonzález VILAGARCÍA / LA VOZ

CAMBADOS

MARTINA MISER

20 dic 2018 . Actualizado a las 05:00 h.

Esther é unha das caras máis visibles da asociación XTodas, que pelexa por ofrecer ás vítimas de violencia de xénero un servizo de acompañamento real e efectivo en todos os sentidos. O seu colectivo mobilízase para que a concentración do sábado en Vilagarcía amose sen fendas a repulsa social que esta escalada de agresións provoca en Arousa. Unha terra na que, asegura, ela mesma supervivente dun dobre acoso machista no seo da súa familia, queda moitísimo por facer.

-Semella que sobran os motivos para unha protesta coma esta.

-Obviamente, si. Cremos que é moi importante subliñar que, malia o que vén de acontecer con Laura, os asasinos na maioría dos casos son moi próximos ao círculo da vítima. Abonda con pensar na agresión que estivo a piques de acabar coa vida de Eva, a muller do Grove á que a súa exparella disparou a semana pasada.

-¿Non é ese un factor que está xa máis que claro?

-Hai moitas cousas que parece que están claras e en realidade non o están. Por exemplo, se na morte de Laura non se demostra que houbo unha violación, non será considerada oficialmente como un caso de violencia de xénero, cando é evidente que se trata dun asasinato machista. As cifras oficiais tampouco terán en conta a agresión a Eva, porque sobreviviu. E, claro, non se fará nada porque ela non morreu. E todo iso cando quedou en evidencia que o sistema fallou, que obviamente as cousas non funcionaron como debían. É importante chamar a atención.

-E supoño que aí teñen moito que ver asociacións coma XTodas.

-A asociación vai ben, si. Este ano notamos bastante traballo en Vilagarcía. Pero no xulgado non van as cousas como deberían.

-¿Como é iso?

-Os cambios do pacto de Estado non se están notando a pe de rúa. As mulleres seguimos atopando trabas, e non só á hora de denunciar. Por exemplo, en Vilagarcía e en Cambados estanse a dar moi poucas ordes de protección e ao mesmo tempo se arquivan unha chea de causas.