Krazzy Kray ou a aposta pola música en vivo

The Narts inaugura esta noite a nova sala de concertos coa que Gustavo Rey vai a por todas en Cambados


«Estes días todo o mundo me di que estou tolo», confesa Gustavo Rey. E algo de razón pode que leve. Abrir unha sala de concertos co que está caer ten cando menos algo de tolería. Pero no caso de Gustavo, o que de verdade hai é paixón. Paixón pola hostalería, á que leva vencellado dende hai dez anos. E paixón pola música, que o leva acompañando toda a súa vida. «Así que este negocio, unha sala de concertos, combina as dúas. Satisfáceme, ou iso agardo, economicamente e tamén persoalmente», sinala.

Krazzy Kray, que así se chama a nova sala de concertos cambadesa, ubicada na praza do Castriño, abre hoxe as súas portas. E, non podía ser doutro xeito, faino cun concerto. A banda que gardará por sempre á honra de ter sido a primeira en subirse ao escenario da Krazzy Kray é The Narts, banda compostelana formada por catro profesores dunha escola de música que xa participaron doutros proxectos como The Lákazans, Ruxe-Ruxe, Nao ou Monoulious Dop, e que hai un ano decidiron xuntarse para dar renda solta ás súas inquedanza musicais, dando como resultado un orixinal son que denominan hard blues.

O concerto comezará ás 23 horas e será de balde, agasallo da casa. «A bebidas xa invita todo o mundo, así que nós invitamos a música en directo e de calidade, que vai ser o noso mellor producto», di Gustavo Rey, subliñando o carácter excepcional da gratuidade do concerto. «En todas as actuacións haberá que pagar unha entrada. Non será moito, pero a xente ten que acostumarse a pagar por ver un concerto nunha sala, porque a música non sae gratis nin para o local nin para o grupo». A cambio o Krazzy Kray ofrece poder escoitar os concertos en condicións óptimas. «No tema do son non reparamos en gastos. Acondicionamos acusticamente o local e temos un equipo de primeiro nivel con todo o que pode necesitar un raider dunha sala de concertos deste tamaño, para unas cen persoas?, explica o cambadés.

Concertos cada sábado

A intención de Gustavo é que o Krazzy manteña unha programación estable e coidada. «Non vou poner ningún filtro nin de procedencia nin de idioma. O único criterio vai ser o meu gusto e certos estándares de calidade», di. O local programará concertos todos os sábados. «E alguna cousa máis tranquiliña de cando en vez os domingos como alternativa ao dicho fútbol», di. De feito, mañá, ás 20 horas, e tamén de balde, como agasallo, actuarán The Faboulous Resaca Brothers.

Nas vindeiras semanas polo escenario do Krazzy Kray pasarán Superser, Querido Extraño, The Pretty Shirts, Moon Cresta, Holy Bouncer, Bubble Bones, Zulabard ou os portugueses Jepards. E unha data moi especial, a do 29 de decembro, na que terá lugar o concerto de despedida de Noite Fechada, o grupo no que milita o propio Gustavo Rey. A programación da Krazzy Kray sumarase á do Encontro de Barrantes, o outro local que dende hai 5 anos rexenta Gustavo e no que fixo xa máis de 250 concertos.

«A idea é complementar os dous. Os venres seguiremos facendo concertos de pequeño formato no Encontro e os sábados na Krazzy».

A nova sala de concertos toma o seu nome daquela mítica orquestra con aires de

big band que triunfou en Cambados alá polos anos 50 do pasado século. «A metade dos avós de Cambados, incluído o meu, tocaron naquela orquestra», explica Gustavo Rey. «É por iso que quixen facerlle esta pequeña homenaxe a aqueles precursores».

Conoce toda nuestra oferta de newsletters

Hemos creado para ti una selección de contenidos para que los recibas cómodamente en tu correo electrónico. Descubre nuestro nuevo servicio.

Votación
6 votos
Comentarios

Krazzy Kray ou a aposta pola música en vivo