Negra xornada do baloncesto arousán na Primeira Autonómica

La Voz VILAGARCÍA / LA VOZ

CAMBADOS

MARTINA MISER

Derrotas do Sigaltec e Xuven, e do CLB e Dorna

05 dic 2018 . Actualizado a las 05:00 h.

Catro de catro. Os equipos arousáns na Primeira División Autonómica caeron derrotados a pasada fin de semana. Algún deles, con resultados contundentemente negativos.

Na categoría masculina, o Sigaltec foi presa da súa horrorosa tarde desde máis aló da liña de 6,75, fallando todos e cada un dos seus 25 lanzamentos de tres para perder 67-61 ante o C. B. Tui Seta, segundo clasificado do Grupo Sur. Un lastre o do tiro exterior demasiado pesado, pese ao cal o conxunto dirixido por Xoán Trigo mantivo opcións de vitoria ata que a falta de 50 segundos volveu errar unha tripla liberada que lle permitiría terse aproximado a un punto.

Máis dura foi a derrota do Xuven Cambados, cos homes de Miguel Sineiro encaixando un 79-51 a mans do Bosco Stores Persan, terceiro clasificado.

O Sigaltec é cuarto cun balance de 3-4, e o Xuven quinto de sete equipos cun 2-5.

Na Primeira División Autonómica Feminina, o CLB sucumbíu 67-73 fronte ao BBCA Cabo Prior, e queda ancorado no penúltimo posto da clasificación por un equipo que o iguala a dous triunfos, ben é certo que co cadro vilagarcián con dous partidos menos xogados. O C. B. Dorna, oitavo, recibiu pola súa parte un duro correctivo de mans do segundo clasificado, o Universitario Campus Ourense: 61-33.