O gaiteiro da Festa do Albariño que creou escola

Secundino Abal será enterrado este sábado (11.30 horas) en Vilariño, Cambados


Cambados

Foise un dos referentes da música tradicional en Galicia. Secundino Abal González pasou boa parte de súa vida pegado á gaita, un instrumento que aprendeu a tocar xunto co seu tío José González Padín e que xa non abandonou, ata que hai uns anos a enfermidade apartouno do camiño. Porque Secundino andou moitos quilómetros a conta das alboradas e procesións que percorreu en canta festa había no Salnés, e fora da comarca tamén. Nos anos cincuenta, en Aires de Vilariño con Alfredo Rey, e a principios dos sesenta, cos Carballeiras, que xa non abandonaría ata a vellez. Durante medio século foi o grupo de cabeceira da Festa do Albariño e do San Bieito de Cambados e tocou con outros clásicos: Os danzantes de Cobas. As gaitas, o bombo e a caixa dos Carballeiras soaron, tamén, na festa do Carme do Grove, no entroido de Hío, en Ponteareas e ata cruzaron o mar para actuar na illa de Ons.

Contaba Secundino que nunha destas travesías, o bombeiro de Pallamallada caeu o mar, e foi grazas ao bombo que levaba amarrado ao pescozo como puido saír a flote, porque o home non sabía nadar. Eran os tempos nos que os músicos durmían en piornos e alpendres e nos que a xente saía á porta para recibilos en canto oían ao lonxe os acordes da muiñeira.

Abal foi protagonista e espectador da expansión que viviu a música tradicional no país, fenómeno no que tamén tomou parte de xeito moi activo. Creou escola, e non só en sentido figurado. Nos anos setenta, animado polo mestre Ramón Barral, empeza a ensinar gaita no colexio de Barrantes, e xa non parou. Arrincou cunha ducia de rapaces e acabaron pasando polas súas clases 140, dando lugar á formación dunha banda. A partir de aí virían outras escolas: no Grove, en Vilanova, na súa parroquia Vilariño, en Paradela (Meis), en Ribadumia, en Solobeira (Vilagarcía)...

«Vaise correndo a voz de que Secundino é un home paciente e que se leva moi ben cos rapaces, fuxindo desa imaxe ruda e ás veces malencarada que os gaiteiros vellos tiñan á hora de ensinar a súa arte», lembraba hai uns anos o tamén gaiteiro cambadés, Xaquín Xesteira, a conta dunha das homenaxes que recibiu o finado. No 2010 foi no seu Cambados, o ano anterior o recoñecemento chegoulle en Coruxo. Hoxe, Xesteira lembraba ao mestre como unha figura «crucial no mundo da gaita nos anos oitenta, por ser quen de levar á gaita aos nenos». Mañá sábado, Secundino Abal recibirá sepultura (11.30 horas) no cemiterio parroquial de Vilariño (Cambados).

Conoce toda nuestra oferta de newsletters

Hemos creado para ti una selección de contenidos para que los recibas cómodamente en tu correo electrónico. Descubre nuestro nuevo servicio.

Votación
5 votos
Tags
Comentarios

O gaiteiro da Festa do Albariño que creou escola