«O Noso Derbi» volve 14 anos despois coa pegada dos golpes do tempo

Xoán Trigo e Sineiro, coprotagonistas nos Inelga-Xuven na EBA, medirán o sábado os proxectos vilagarcián e cambadés en Autonómica


Catorce anos despois, quince tempadas máis tarde, o baloncesto arousán recuperará este sábado o seu particular O Noso Derbi. Faráo unha categoría por debaixo, na Primeira Autonómica Sénior, co Sigaltec, herdeiro daquel Inelga BBC tres veces campión de conferencia na EBA unha década atrás, e co Xuven, mellor equipo de España na campaña 2012/13 nesta última categoría, véndose as caras no vilagarcián pavillón de Fontecarmoa. Un problema burocrático do club cambadés, que o privou o pasado verán dos seus dereitos na EBA tras gozar de cinco cursos na LEB Prata, fixo posible un reencontro con dous nomes propios.

Xoán Trigo, no bando local, e Miguel Sineiro, no visitante, non só son os adestradores elixidos polos seus respectivos clubs para dirixir cadanseu novo ciclo deportivo dun e doutro primeiros equipos. Tamén serven, circunstancialmente, de nexo entre o máis ca modesto presente do actual proxecto do BBC, enmarcado na súa unión co Liceo Casino e co Cortegada, e dun Xuven que dixire o seu brusco descenso de dúas categorías, con aquela rivalidade entre ambos clubs acrecentada no primeiro lustro do presente século coa súa coincidencia na EBA.

Andrés Lago era a primeira opción do Sigaltec para encher o oco deixado polo adeus de Diego Doval. Pero tras pechar tres anos no corpo técnico do Xuven en LEB Prata, Lago tivo que desistir por unha oferta laboral. O club vilagarcián convenceu entón a Xoán Trigo (16/III/1984) para que puxera punto final a un ano de retiro e volver, xa non como base, senón como adestrador. Fíxoo xa coa pretempada entrada na súa terceira semana, e sen experiencia ningunha na dirección de equipos, nin séniores nin de base. Algo que si viña acumulando Miguel Sineiro (19/IX/1974) na canteira do Xuven desde practicamente o seu debú no primeiro equipo, con 17 anos, compaxinando a pasada campaña a xestión do vestiario xuvenil co rol de axudante de Chiqui Barros no equipo de LEB Prata. Os dous saben ben que é sentir as cores dos seus respectivos clubs nun derbi arousán.

No caso de Xoán Trigo, a súa carreira quixo, de feito, que só participara no que lle tocou vivir no Pombal co Inelga de Rubén Domínguez no seu último ano de xuvenil, cando alternaba o equipo de formación co de EBA. Despois enfrontaríase tamén ao Xuven coas camisolas do Peixe Galego e do Celso Míguez, antes de enfundarse a propia elástica cambadesa nun plantel que tiña a Miguel Sineiro como referente.

«O partido co Inelga non era un partido máis. Sabes que ten máis trascendencia a nivel de rúa, e a nivel de pique; e agora mesmo a nivel de redes sociais», comenta o escolta reconvertido en adestrador do Xuven. «Xogar contra o equipo de Vilagarcía», engade, «é sempre un partido especial. Dá igual que sexa na LEB Prata, en EBA ou en Nacional. É o derbi por antonomasia do baloncesto arousán, entre os dous clubs máis representativos da comarca. É un partido de moito ambiente, de moita tensión». Tensión algo menor certo que na pasada década, cando os xogadores, lembran os hoxe técnicos, «xa nos mediramos en derbis en infantís, cadetes e xuvenís. Antes estaba todo capitalizado; agora hai máis clubs», e os equipos do CLB xogan na máxima categoría autonómica, mentres os do Xuven fano na segunda.

Trigo salienta que «o público de Cambados sempre está moi implicado co seu club. Poucos casos hai en Galicia como a forma que ten a afección de Cambados de empurrar o Xuven. E iso nótase no grao de confianza e de implicación dos seus xogadores. Dáme envexa», di o vilagarcián.

Este último punto pode de feito resultar un factor máis en xogo no derbi. E é que fronte a uns xogadores do Xuven afeitos a competir cun ambiente quente, cuns 200 seareiros nos partidos do Pombal, Trigo di non saber «como respostarán os meus xogadores, habituados a xogar sen ambiente», diante duns 50 afeccionados en Fontecarmoa, onde inda non foron quen de gañar esta tempada.

Un partido «longo» entre dous rivais limitados por distintos extremos

«A min gústame moito este Xuven. Ten moi ben aproveitadas as súas armas. É un equipo moi rápido, de moitos tiros a canastra, tentando sempre o 1x1, e xogando moitas veces cos cinco abertos. Doulle os parabéns a Miguel por unha proposta táctica moi interesante». Así radiografaba onte no pavillón de Fontecarmoa o adestrador do Sigaltec o seu rival.

Tras subliñar o feito de que «non temos moito xogo interior», Sineiro analiza desde o seu lado o conxunto vilagarcián sinalando que «son un pouco máis fortes no rebote. O seu xogo interior é un pouco máis consistente có noso. É un equipo duro en defensa, que trata de defender a toda pista». No seu caso, desvela Xoán Trigo, lastrado polo défice de directores de xogo.

Con dous equipos Sub-25 fronte a fronte, Miguel Sineiro prevé «un partido de desgaste, longo». Un prognóstico no que coincide o seu homólogo do Sigaltec, que conta que «co noso equipo longo nós sempre tentamos estirar os partidos, presentar partidos de moito esforzo, que premien a nosa capacidade física». Trigo manexa a baixa segura de Óscar Otero, e Sineiro as de Carlos Gómez e Epi.

Tristura pola falta dun representante arousán en ligas nacionais por vez primeira en 20 anos

«É triste. Pola afección polo baloncesto que hai nesta comarca, merécese algún representante en categorías nacionais». Dío Trigo, e subscríbeo Sineiro. Por primeira vez en dúas décadas, desde o primeiro ascenso do BBC á EBA no curso 1997/98, as afeccións e os canteiráns da bisbarra non dispoñen dun equipo masculino de referencia que mirar e no que mirarse. Ata o punto de que Sigaltec e Xuven ocupan a día de hoxe os dous últimos postos do Grupo Sur da Primeira Autonómica Sénior.

Nin Trigo nin Sineiro ven preto a volta dun equipo arousán sequera á EBA. Cun proxecto de club de canteira, «o primeiro equipo non é unha prioridade» no CLB, afirma Trigo. No tocante a Cambados, opina Sineiro, «vai ser difícil volver pronto, máis que polo deportivo, polo institucional. Para subir tería que haber 4-6 persoas que lle dedicasen moito tempo ao club. E en Cambados agora iso é moi difícil».

 

Conoce toda nuestra oferta de newsletters

Hemos creado para ti una selección de contenidos para que los recibas cómodamente en tu correo electrónico. Descubre nuestro nuevo servicio.

Votación
3 votos
Comentarios

«O Noso Derbi» volve 14 anos despois coa pegada dos golpes do tempo