Pepe Barro manexará material orixinal e tamén reproducións que solicitará á Real Academia Galega, ao Museo de Pontevedra e ao do Prado, en Madrid, onde se garda unha pintura do barrio de San Tomé, asinada polo paisaxista Lloréns. Cambados estará tamén nun óleo xigante do 1919, asinado por Sánchez Peña, amais de noutros moitos detalles.
O gran formato convivirá con eses pequenos utensilios que Cabanillas usou na súa rutina doméstica, como o abrecartas, o seu escritorio e unha morea de libros e fotografías que pasaron polas súas mans. Os documentos orixinais vanse depositar na casa natal do escritor, situada a poucos metros do pazo de Fefiñáns, un enclave que caeu en desuso e que este proxecto vai recuperar como lugar de estudo e custodia do seu legado. Doutro xeito, explica Pepe Barro, a luz natural que hai en Exposalnés podería estragalo.