O home que fixo modelos os moteiros

María Xosé Blanco Giráldez
m. x. blanco RIBEIRA / LA VOZ

CAMBADOS

marcos creo

Juan Francisco Lojo Patiño involucrou a nove clubs no calendario que ideou a favor dos enfermos de AME que se presentará en Cambados

07 nov 2018 . Actualizado a las 05:00 h.

Teñen fama de tipos duros aos que lles perden a velocidade e as festas, pero os moteiros xa demostraron en máis dunha ocasión que son donos dun lado sensible que non dubidan en sacar á luz. Integrantes de nove clubs galegos veñen de aliarse para darlle forma a un calendario que busca recadar fondos para GaliciAME, a asociación que reúne aos galegos afectados pola atrofia muscular espinal. A idea foi de Juan Francisco Lojo Patiño, un noiés que reside en Santiago, onde fundou Os Huevóns Ruteiros, un grupo de amigos que están en proceso de constituírse como asociación.

Coñeceu a unha persoa afectada pola AME e a súa concienciación social levou a Lojo Patiño a descubrir a magnitude da enfermidade e, sobre todo, os apoios que precisan aqueles que a sofren. Non tardou en ter clara na súa cabeza a iniciativa que podía desenvolver para axudalos: o primeiro calendario benéfico moteiro. Aliouse con Merchi Álvarez, a presidenta de GaliciAME, que xa levaba máis de dous anos querendo levar a cabo un proxecto así e, a partir de entón, todo foi rodado.

Juan Francisco Lojo buscou colectivos de afeccionados ao mundo das motos alí onde había afectados de AME e xuntounos para unha sesión fotográfica: «Como non temos o corpo dos bombeiros, quixemos marcar a diferenza realizando instantáneas artísticas». Cualifica o proceso de atrevido e vicioso: «En tres días percorremos Galicia enteira e conseguimos ter tódalas imaxes listas». Incluíron nas súas paradas Porto do Son, onde reside o pequeno Tiago, co que posaron membros de Os Reventapistóns ribeirenses, e Rianxo, onde integrantes de Jas a Tope arrouparon a César. O resultado final foron unha ducia de imaxes que ilustran un calendario do 2019 que xa se pode mercar.

Necesaria divulgación

O promotor desta iniciativa solidaria explica que se fixo unha primeira tirada de 2.000 exemplares, pero está convencido de que se quedaron moi curtos nos cálculos. Para Merchi Álvarez, tan importante é a recadación de fondos como a divulgación da enfermidade: «Esta é a maneira que temos de chegar á xente, contando as nosas historias. Neste caso, o fotógrafo que colaborou no proxecto fixo un traballo incrible, unindo o mundo das motos co da discapacidade. O certo é que desde o principio nos pareceu unha idea estupenda, polo que nos puxemos todos en revolución».

Ela fundou GaliciAME hai tres anos, cando lle diagnosticaron atrofia muscular espinal. Sabe mellor que ninguén que a enfermidade segue a ser unha gran descoñecida e que moitos dos que a sofren están nun camiño sen saída: «Hai un primeiro tratamento que está funcionando ben en algúns casos, pero non todos podemos recibilo, polo que seguimos reivindicando unha solución». A asociación ten contabilizados a día de hoxe 17 casos na comunidade.

Con esta e outras iniciativas que xa ten en mente, Francisco Lojo quere desmontar a imaxe que moita xente ten dos moteiros: «Moitos trátannos de tolos na estrada e festeiros, pero os moteiros temos uns lazos de unión e uns códigos que é importante que a xente coñeza». Tan empeñado está no seu obxectivo, que precisamente fundou Os Huevóns Ruteiros para levar a cabo novas iniciativas de carácter solidario: «Queremos poñernos a disposición de toda aquela persoa ou asociación que nos necesite».

Unha comida para recadar fondos para unha entidade sen ánimo de lucro e unha quedada para doar sangue son algunhas das propostas firmes que este moteiro puxo xa enriba da mesa do colectivo que fundou en Compostela. Asegura que ten moitas máis ideas, que polo de agora non quere desvelar.

«Moitos trátannos de tolos e festeiros, pero os moteiros temos uns códigos e uns lazos de unión»