Cantigas e Agarimos súmase á homenaxe ao Poeta da Raza

O grupo actuará o venres no auditorio e entregarálle ao Concello de Cambados un libreto relacionado co autor de «Vento Mareiro» co gallo do cabodano de Ramón Cabanillas


Cambados / La Voz

Venres 9 • Todo o día • CambadosUn ano máis, o Concello de Cambados aproveita o aniversario do pasamento para homenaxear ao poeta de cabeceira da vila. Ramón Cabanillas finou un 9 de novembro de 1959 e o venres, 9 de novembro, será unha xornada dedicada a lembrar ao escritor con literatura, música e flores. 

O Coro Cantigas e Agarimos, que tanto tivo que ver coas Irmandades da Fala de Cabanillas, estará no auditorio municipal (21 horas) na que será a súa primeira actuación en solitario na vila, baixo a dirección coral do cambadés Xaquín Xesteira. No 2015 estivo na Festa do Albariño da man de Treixadura, pero desta volta chega cun agasallo moi especial. Aproveitando a data, recuperou do seu arquivo unha copia manuscrita asinada o 2 de abril de 1958 por Manuel Iglesias Domínguez, daquela director de Cantigas e Agarimos, do Himno á Gloriosa Rosalía, que o propio Cabanillas escribiu en 1917 para o Orfeón Valverde co gallo da inauguración do monumento a Rosalía de Castro situado no Paseo da Ferradura de Santiago. Este acto foi precisamente o punto de partida da creación do antecedente directo de Cantigas e Agarimos, a coral Queixumes dos Pinos.

O libreto coa partitura do himno e os textos explicativos da súa historia serán entregados o venres ao Concello de Cambados, e posteriormente, á familia Cabanillas e á Casa museo de Rosalía.

No apartado musical, o grupo presentará «O corazón aberto», un traballo dedicado a Lois Porteiro Garea, un dos líderes das Irmandades da Fala e fundador de Queixumes dos Pinos, a quen o propio Cabanillas lle dedicou unhas palabras á súa morte no poema «¡En pé!».

Premios literarios

O concerto pechará unha intensa xornada que abrirá ás 11.30 horas no instituto Francisco Asorey coa entrega dos premios do concurso literario «Cambados Mar de Letras», convocado polo propio centro e o Concello. Os gañadores nas categorías de relato curto e poesía foron Noela Sanjurjo Carballeira, alumna do IES Antonio Fraguas de Santiago, e Paula Domínguez Barreiro, do IES Valle Inclán de Pontevedra, respectivamente. Os accésits quedaron na casa. En relato foi para Zaira Rey Ortega e en poesía, para Lucía Boullosa Álvarez, as dúas alumnas do instituto Asorey. Os gañadores recibirán 250 euros e os accésits, 125 euros. As súas obras, xunto con outras seleccionadas pola súa calidade, editaranse no que será o primeira publicación do selo Edicións do Serrido.

Xa pola tarde, os actos trasladaranse ao Paseo da Calzada. As seis presentarase en Exposalnés o proxecto museístico que se vai desenvolver no propio centro co material de que dispón o Concello sobre a vida e obra de Cabanillas. O autor do proxecto, Pepe Barro, participará no acto. Unha hora despois celebrarase a tradicional ofrenda floral ante a escultura dedicada ao Poeta da Raza.

Conoce toda nuestra oferta de newsletters

Hemos creado para ti una selección de contenidos para que los recibas cómodamente en tu correo electrónico. Descubre nuestro nuevo servicio.

Votación
0 votos
Comentarios

Cantigas e Agarimos súmase á homenaxe ao Poeta da Raza