O Juventud paga regalarlle 45 minutos de vantaxe ao Sanxenxo

Os locais perdían 0-2 ao descanso, con Machu e con Grego sentados na primeira parte


cambados / la voz

O Xuventú Sanxenxo levou os 3 puntos en xogo en Burgáns no seu derbi da undécima xornada de Liga da Preferente fronte ao Juventud Cambados. Un partido marcado pola decisión do adestrador local, Edu Charlín, de arrincar sen ningún dos seus homes-gol, Machu e Grego, con once tantos entre ambos no que vai de campionato, doce tras o que marcaría este último no minuto 63. A entrada no campo dos dous xunto con Reguera á volta do paso intermedio por vestiarios acabou resultando tardía para reparar os danos en forma de 0-2 recibidos pola aposta inicial do técnico cambadés.

O 4-2-3-1 de saída presentado por Edu Charlín, con Ramón na punta de ataque e Félix e Pablo na sala de máquinas por detrás de Pénjamo, de Marcos e de Saúl nunha formación de tres mediapuntas foi varrido polo Xuventú Sanxenxo. Corrales e Novegil gañaron a partida no centro do campo, e con Jacob, pero sobre todo cun Dieguito sen freo no carril esquerdo, acapararon o balón para un cadro visitante que aproveitou a metade das chegadas con pólvora que xerou nos primeiros 25 minutos de partido. En dúas accións case calcadas, con Dieguito servíndolle o coiro a Charles para que este o cabeceara sen oposición ao interior das mallas da portería de Adrián deixando en evidencia a zaga de Burgáns. Na primeira ocasión, no minuto 16, cun pase do interior en liña de fondo que o gardameta local tampouco soubo atallar. E na segunda, só nove minutos despois, con Dieguito rompendo o seu par nunha arrincada por banda esquerda, colgando o balón ao corazón da área, onde Charles, cun gran xesto técnico, remataba con acerto coa testa apoiando un xeonllo no chan.

Co 0-2 o Xuventú, que ata entón estivera interesado nun partido de ritmo veloz, tentou durmir o xogo, coa tranquilidade de ver a un rival desnortado, que nunca soubo que facer co esférico as contadas veces que o tivo en tres cuartos de campo contrario.

Visto o visto. Edu Charlín optou por un triple troco no descanso. E o movemento surtíu efecto. En só 4 minutos o Juventud xeraba máis ocasións de gol que en toda a primeira parte. Grego rematou alto un pase en profundidade de Machu, e este afinaba un centro ao primeiro pao que a zaga visitante tivo que desviar a córner. A seguinte acción de perigo subía no minuto 63 o 1-2 ao marcador, nunha asistencia entre liñas de Pénjamo que Grego finalizou na entrada da área. O Juventud fixérase co control do partido pasando a un 4-4-2, con Ander moi activo adiantado á banda esquerda, Pénjamo xerando perigo co seu ollo pasador, Machu abrindo espazos entre liñas, e todo, na procura do desborde de Grego.

Mais o gol espertou o Xuventú, ata o punto de converter a Adrián no mellor do partido, atallando na mesma acción dous grandes disparos de Charles e de Jacob (min 64), outro remate deste (72) e un cabezazo de Eloy ao borde da área pequena (80). Un testarazo de Reguera a saque de córner (74) e un tiro de Ander desviado por Alberto (85) acercaron o Juventud a un empate que non chegou.

FICHA:

JUVENTUD CAMBADOS (1): Adrián, Alexi (Reguera, min 46), Nacho, Nogueira, Félix (Reigosa, min 75), Pénjamo, Marcos, Saúl, Ánder, Pablo (Machu, min 46) e Ramón (Grego, min 46)

XUVENTÚ SANXENXO (2): Alberto, Borja, Fiti, Álex, Eloy, Corrales, Jacob (Jónathan, min 65), Novegil, Charles, Firi (Héctor, min 92) e Dieguito (Roi, min 81)

Goles: 0-1, min 16: Charles. 0-2, min 25: Charles. 1-2, min 63: Grego. 

Árbitro e tarxetas: Daniel Hernández González (Ourense). Amonestou os xogadores locais Machu, Saúl, Nacho e Reigosa; e os visitantes Novegil e Jónathan.

Conoce toda nuestra oferta de newsletters

Hemos creado para ti una selección de contenidos para que los recibas cómodamente en tu correo electrónico. Descubre nuestro nuevo servicio.

Votación
0 votos
Comentarios

O Juventud paga regalarlle 45 minutos de vantaxe ao Sanxenxo