O teatro volve os domingos ás sete de tarde en Cambados

CAMBADOS

Mónica Irago

O Concello recupera o horario orixinal para gañar público, e as compañías tamén o agradecen

29 sep 2018 . Actualizado a las 05:00 h.

O experimento non resultou ben. A concellería de Cultura de Cambados cambiou o pasado ano os horarios do ciclo de teatro de outono, pasando do sábado ao domingo, e o público non respondeu ben. No auditorio da Xuventude houbo máis butacas valeiras ca nunca, e o concelleiro Víctor Caamaño tomou nota. No 2018 retómanse os vellos costumes e as funcións volven aos domingos, ás sete da tarde. O prezo das entradas mantense en 3,50 e 2,50 euros.

A medida seguro que a agradece máis dun espectador e o agradecen, tamén, as compañías de teatro que están fartas de que as institucións programen as actuacións para os venres e os sábados, saturando estas datas, mentres os domingos quedan en branco. Dicíao onte o director Cándido Pazó, que acompañou a Víctor Caamaño na presentación de Outubro de Teatro, que organiza o Concello de Cambados en colaboración coa Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic). Haberá función os catro domingos do mes, con outras tantas montaxes: tres comedias e un drama.

A primeira cita é o día 7 con «Commedia», una obra que volver rular polos escenarios como xa fixera hai vinte e cinco anos, tamén en Cambados, daquela aínda no escenario do instituto Francisco Asorey. Pazó explicaba onte que a concepción do humor non mudou neste tempo e que «a xente segue rindo» con este enredo cómico amoroso no que participan algunhas das principais figuras da «commedia dell arte». A proposta parte de Contraproducións e o elenco actoral está formado por Víctor Mosqueira, Marcos Orsi, Nuria Sanz, Sergio Zearreta, Avelino González, César Goldi.

O domingo seguinte será a quenda de «Pan! Pan!», de A Panadería, na que Areta Bolado, Noelia Fernández e Ailén Kendelman poñen a súa voz e o seu corpo a disposición dunha parodia musical, cun vaqueiro anti heroe como protagonista.

O domingo 21 chega a Cambados Redrum Teatro con «Estás aí?», na que Isabel Risco e Xulio Abonjo protagonizan unha comedia que afonda nas relacións de parella.

O ciclo de outubro pecharase cun drama, «1879-Casa de Bonecas», unha versión dun clásico que «invita á reflexión e á transformación da sociedade, para superar as desigualdades», segundo explicou Xosé Carlos Mejuto, un dos actores desta montaxe de Estudo do Momento S. C., que onte tamén se achegou ao salón de actos do Concello cambadés.

Os presentes non quixeron desaproveitar a ocasión para expresar o seu pesar polo falecemento de Xan Cejudo.

Os títulos

7 outubro. «Commedia»

14 outubro. «Pan! Pan!»

21 outubro. «Estás aí»

28 outubro. «1879-Casa de Bonecas»