Cambados tramita 150 peticións de veciños para acollerse ao bono social eléctrico

La Voz CAMBADOS / LA VOZ

CAMBADOS

MARTINA MISER

26 sep 2018 . Actualizado a las 05:00 h.

O departamento de Economía e Facenda de Cambados recibiu máis de 250 solicitudes de información do novo bono social eléctrico; 138 expedientes xa foron tramitados e remitidos as compañías eléctricas e doce atópanse en tramitación.

O novo bono social da luz establece novas normas e rebaixas que benefician aos consumidores considerados vulnerables. O nivel de renda dos fogares e os seus consumos eléctricos pasan a ser determinantes no acceso a esta axuda e no seu alcance económico.

O decreto establece tres categorías de consumidores con dereito a acceder a unha rebaixa no prezo da luz. As solicitudes pódense realizar nas compañías eléctricas ou na oficina de consumo do Concello de Cambados. Dende a Concellería de Economía, que dirixe Xurxo Charlín, lembran que os consumidores que dispoñen actualmente do anterior bono teñen de prazo ata o 8 de outubro para solicitar a renovación do novo bono social eléctrico, e pedir a súa incorporación ao mesmo.

O concelleiro valora moi positivamente o traballo desenvolto pola oficina de Consumo no asesoramento individualizado aos veciños para tramitar este bono, «por que evita desprazamentos innecesarios aos veciños e que se perdan entre papeis e tramites administrativos as familias que o solicitan», indica. «A desinformación existente favorece a expulsión dun gran número de clientes do bono para acabar sendo unha apetitosa clientela para as comercializadoras», engade Charlín.