O Concello de Cambados dotarase dunha ordenanza para impulsar o uso do galego

La Voz CAMBADOS / LA VOZ

CAMBADOS

MARTINA MISER

26 sep 2018 . Actualizado a las 05:00 h.

O Concello de Cambados dotarase dunha ordenanza de normalización lingüística unha vez complete os trámites administrativos correspondentes. O concelleiro delegado da área, Víctor Caamaño, presentará no pleno de outubro o borrador da ordenanza para a súa aprobación inicial, na cal establécense os criterios que vai seguir a Administración local no que atinxe ao uso e promoción do idioma galego.

Como xa se está a facer na actualidade, todas as comunicacións oficiais do Concello deberán estar escritas en galego, a maiores da carteleira, sinalización e publicidade que dependa de este órgano.

Os cargos públicos, tamén

Nos rexistros administrativos os asentos faranse en galego, independentemente da lingua na que estean escrito, e os cargos públicos do Concello «optarán por expresárense en galego nos actos que teñan lugar no ámbito lingüístico galego, e nos que interveñan en virtude do seu cargo de representación institucional», segundo recolle o documento.

En definitiva, «o Concello de Cambados, en consonancia coa normativa legal vixente, empregará o galego en todas as súas accións públicas e privadas, nas súas actuacións administrativas, actividades e na documentación, na comunicación social, e nas relacións coas cidadás e os cidadáns e con todas as entidades situadas en Galicia e con aqueloutras que admitan o galego para as actuacións administrativas».

Estes criterios tamén serán de aplicación para as empresas ou entidades que presten servizos municipais por concesión, arrendamento, concerto ou contrato e o Concello velará para que nas actividades e organismos nos que participe ou teña representación sexan aplicados os principios desta ordenanza.

Todo o persoal ao servizo da corporación municipal deberá coñecer o idioma e estar en condicións de empregalo correctamente, tanto oralmente como por escrito.

A proposta da ordenanza deixa unha nova. «No mais breve espazo de tempo posible, o Concello de Cambados contará cun Servizo de Normalización Lingüística», segundo indica o borrador.

Instaurarase un servizo de normalización lingüística municipal