«Un dez por cento do alumnado é LGTBI»

CAMBADOS

MONICA IRAGO

Cambados acolle a exposición «Sorrisos transformadores», que da visibilidade ás diferentes identidades sexuais

20 sep 2018 . Actualizado a las 05:00 h.

Cambados súmase aos máis de trinta concellos que acolleron a exposición «Sorrisos transformadores», coa que a Deputación de Pontevedra quere concienciar sobre as diferentes identidades sexuais que hai na sociedade. As dez fotografías que compoñen a mostra poden verse no salón de plenos do Concello, de luns a venres en horario de mañá, ata o día 28. Onte, ademais, un grupo de alumnos da ESO tivo oportunidade de escoitar a Cristina Palacios, presidenta da Asociación de Familias Menores Trans*Arelas, que está percorrendo a provincia dando conta da súa propia experiencia neste eido. A súa filla declarouse trans hai uns anos e, desde entón, dá voz a un colectivo que segue sufrindo problemas de discriminación e acoso, tamén nos centros educativos.

-Xa leva unhas cantas charlas deste tipo. Que reacción está atopando entre os rapaces?

-Teño visto unha evolución importante. Ao principio cando lle falabas de homes con vulva e mulleres con pene, soáballes a chinés. Pero a partir do 2016, cando se aprobou o protocolo educativo sobre identidade de xénero, isto cambiou, nótase incluso nas súas preguntas.

-«Sorrisos transformadores está servindo para mudar certos estereotipos, para cambiar conciencias?

-Por suposto, estase achegando unha realidade que non sempre coñecen. Logo destas charlas ten aparecido algún menor trans, que ao ver a reacción dos compañeiros, decide dar un paso adiante. Tamén ten pasado que algún pai vén falar comigo en busca de axuda.

-Quen reacciona mellor, os mozos ou os adultos?

-Os mozos teñen a mente máis aberta. Hai xente maior, con estudos á que se lle presupón altura de miras, que son os que máis discriminan e teñen máis prexuízos. Haberá xente á que non lle guste, pero un dez por cento do alumnado é LGTBI, e esta gran minoría ten dereito a que se fale deles e a ter visibilidade. Hai que incidir nos nenos, pero tamén nas familias. Temos un protocolo que obriga e leis que tamén obrigan a toda a sociedade.