«Busco unha voz propia, que lle diga algo a quen me le»

CAMBADOS

MARTINA MISER

O cambadés presenta mañá o seu cuarto poemario, no que muda o estilo pero mantén a súas fontes de inspiración

30 ago 2018 . Actualizado a las 05:00 h.

Mañá, ás oito da tarde, no xardín de Torrado (Cambados), presenta o seu cuarto poemario «O corpo en extinción». Este cambadés descubriu a poesía aos catorce anos e xa nunca a abandonou. Quen queira coñecer o seu último traballo pode adquirir o libro este mesmo venres, por dez euros. Para ir abrindo boca, Xosé María Vila Ribadomar avánzanos algunhas claves.

-Que vai atopar o lector respecto á súa obra anterior?

-Hai un cambio na forma, incluso de estilo. Nos libros anteriores, especialmente no primeiro, había máis prosa poética e había poesía máis barroca. Estes son poemas máis curtos, máis concisos.

-Cambia tamén a temática?

-Máis ou menos é igual, sentimental e emocional.

-De onde nace a necesidade de escribir, e facelo en verso?

-De neno fixen un poema, gustoume, vin que non se me daba mal, empecei a ler máis e identifiqueime coa poesía.

-Da hostalería á poesía...

-Nisto non hai arquetipos.

-Falando cun poeta toca preguntarlle pola crise (perpetua?) deste xénero literario...

-Creo que vivimos un momento de crise na sociedade en xeral. Hai un problema económico, pero tamén un problema cultural e social, que é o que levou, penso eu, á crise económica que vivimos hai uns anos. A cultura demostra como respira unha sociedade, e esta sociedade non lle dá tanta importancia á cultura como lle dá a economía.

-A que tipo de público quere chegar?

-Non busco ningún público en particular, pero si, a poesía, coma calquera proceso comunicativo, busca unha voz. Non me preocupa chegar a máis xente, o que busco é unha voz propia, que lle diga algo a quen me le.