O Concello cambadés pechou o 2017 cun superávit de 207.667 euros

La Voz CAMBADOS / LA VOZ CAMBADOS / LA VOZ

CAMBADOS

MARTINA MISER

A Conta Xeral será aprobada no pleno da vindeira semana

22 ago 2018 . Actualizado a las 05:00 h.

O Concello de Cambados saldou as contas do exercicio 2017 cun superávit de 207.667,37 euros e cuns ingresos de 9.664.373,96 euros, segundo informa o concelleiro de Economía, Xurxo Charlín, logo da Comisión especial de Contas celebrada onte.

O Plan Económico Financeiro (PEF) do Concello de Cambados para o período 2016-2017 fixaba unha estimación de capacidade de financiamento para o exercicio 2017 de 269.635,66 euros. A capacidade de financiamento resultante da liquidación 2017 (207.667,37 euros) foi inferior á estimación de dito plan.

No tocante ao gasto computable da liquidación do exercicio 2017 foi de 7.778.659,37 euros, non superándose o límite do gasto previsto no PEF para 2017.

Por outra banda, o Concello pechou o exercicio cunha débeda viva pendente de amortizar a 31 de decembro de 2017, polos préstamos concertados e vixentes, que ascende a 1.266.327,52 euros, coa previsión de que ao peche deste exercicio chegue a 1.003.483,46 euros. Esta cifra supón un 14,29 % dos dereitos recoñecidos netos por operacións correntes, non superando o límite do 110 % establecido por lei, segundo apunta o concelleiro.

«Rigor e responsabilidade»

«Estes datos contables débense, en gran medida, ao rigor e a responsabilidade coas que se xestionan os balances do municipio, pois un dos obxectivos fixados é o de establecer criterios acordes coas necesidades económicas, sen gastar máis do que se ingresa», subliña Xurxo Charlín.

«O Concello, procura axustarse á realidade orzamentaria sen que iso vaia en detrimento do desenvolvemento e a prosperidade do municipio», engade o concelleiro, non sen antes lembrar que neste mandato se reduciu o IBI nun 17 % na e se crearon un gran número de bonificacións fiscais das que se benefician máis de dous mil veciños e empresas de Cambados. A Conta Xeral vai someterse a votación no pleno da vindeira semana.