Heredeiros da Crus e Susana Seivane actuarán en Corvillón

Ademais de música, o programa inclúe un xantar, xogos e outras manifestacións da cultura popular


24 e 25 de agosto • Praza da Seca (Corvillón) • Entrada libre • O festival Xironsa cumpre a maioría de idade cun programa ambicioso. Coma sempre, a música será a protagonista e, desta volta, vai soar con forza. Por exemplo, a que porá enriba do escenario Heredeiros da Crus, que actúa o sábado a iso das 23.15 horas, xusto despois de Susana Seivane e antes de Noite Fechada. Será o colofón a dous días de troula cos que Xironsa quere abrir unha fiestra a cultura popular galega. Esa é a súa razón de ser.

O festival de pouco valería se non houbera detrás un colectivo de cento vinte persoas que traballa a prol da música tradicional durante todo o ano, segundo subliñou o presidente da asociación, Liso González. Xunto a el estiveron onte no acto de presentación o deputado provincial de Cultura, Xosé Leal, e o concelleiro de Cultura de Cambados, Víctor Caamaño, os cales aplaudiron a labor que desenvolve Xironsa. «Esta é a liña que hai que seguir, paga a pena pelexar pola nosa cultura», indicou o edil nacionalista. Ámbalas dúas administracións colaboran co festival, ao igual que o fai a adega Paco &Lola, pois Lola, desde hai un tempo, está implicada coas iniciativas culturais da comarca, segundo puxo de manifesto o seu presidente Carlos Carrión.

Aforo limitado

A

recente Lei de Espectáculos vai condicionar algún aspectos do festival deste ano, de xeito que nos concertos non poderán entrar máis de 5.700 persoas e non se admitirá a entrada con botellas e ou outros obxectos contundentes. Prevese a asistencia de miles de persoas (o ano pasado acudiron unhas 4.500) polo que o sábado vaise cortar ao tráfico a estrada que pasa por diante da praza da Seca e vanse habilitar aparcadoiros nos arredores do recinto, que estarán sinalizados. Tamén haberá zona de acampada libre. A festa comezará o venres á tarde cun pasacalles de Os Mecos de Ogrobe e a agrupación Xironsa e, á tardiña, celebrarase o cuarto Serán Xironsa, amenizado por Paradanda Mecos.

O sábado arrinca coa sesión vermú, da man de Leirabuxo, Con Boudebou Gaiteiros e Os Xeitosiños. Coma o ano pasado, a organización preparará un xantar para un máximo de 550 persoas consistente en empanada, churrasco, sobremesa, viño e auga, pan, café e chupito, que custará oito euros para nenos de seis a catorce anos e quince euros para os maiores.

Durante a tarde haberá actividades para toda a familia con xogos tradicionais e as actuacións de Peter Punk Pallaso, Kanbahiota e Mundo Mandarina, e a partir das 17.15 horas a música xa non parará. Primeiro cos Os D’Abaixo; logo, a iso das sete, está prevista a actuación de Davide Salvado, a quen lle seguirá a agrupación Xironsa, e ás 21.45 subirá ao escenario Susana Seivane. Tomará o relevo Heredeiros da Crus e, xa de madrugada, a banda local Noite Fechada.

Conoce toda nuestra oferta de newsletters

Hemos creado para ti una selección de contenidos para que los recibas cómodamente en tu correo electrónico. Descubre nuestro nuevo servicio.

Votación
1 votos
Comentarios

Heredeiros da Crus e Susana Seivane actuarán en Corvillón