Medio século pedaleando a historia

Con Teto, Ernesto Falcón montou o Gran Premio do Albariño hai 50 anos e un club que chegou ser referencia no ciclismo español


vilagarcía / la voz

Desde que na década dos 80 se entregara por primeira vez, a folla de prata recoñece cada segundo sábado de agosto o mellor corredor do Gran Premio do Albariño. Porén, este ano, Roi Domínguez, o júnior do Fundación Óscar Pereiro, non foi o único en levala con el. O G. P. do Albariño chegaba á súa 50.ª edición, e o Concello de Cambados creu que era o momento de recoñecer o labor dun dos grandes artífices da creación da carreira, pero tamén do Club Ciclista Cultural Cambadés fillo da primeira, e co que a vila do albariño se converteu nunha praza de referencia no ciclismo afeccionado español nos anos 70 e 80 do século pasado. Despois dunha vida dedicada ao deporte das dúas rodas, sostén inda hoxe dun club sen máis actividade xa cá organización dun pequeno fato de probas, Ernesto Falcón Padín (A Modia, 1948) ten desde hai catro días unha folla de prata co seu nome.

Moito do que nos conta non tería sido posible, subliña, sen o desaparecido Modesto Sánchez, Teto. De feito, á saga dos irmáns Sánchez e á súa paixón polo ciclismo atribúe Falcón as orixes da forte ligazón de Cambados coa bicicleta.

No caso de Ernesto o ciclismo entroulle polos ollos de golpe. Co paso do pelotón da Vuelta a España por Cambados no ano 1959. «Tiña 11 anos, quedoume gravado». Mais Falcón nunca competiu nunha bici. A el agardáballe axudar a construír a historia do ciclismo local e galego en tarefas poucas veces recoñecidas.

«No 68 eu tiña unha vespa, e ía con frecuencia ao taller dos Sánchez. Falaba moito con Teto, e xurdiu a idea de facer o Gran Premio do Albariño», recorda. «Falamos co Concello, e montamos un circuíto pola Avenida de Madrid, Príncipe e a Avenida de Vilariño. Era lastrado, e moi técnico, con moitas curvas». Os primeiros cinco anos, pedíndolle de prestado o nome ao C. C. Pontevedrés, Spol e Vigués, ao precisar o aval dun club. En 1973, con Falcón na vicepresidencia da Cultural, «montamos o noso propio club para organizar a carreira. Teto e mais eu buscamos presidente, Roberto Gesteira Carro, e directiva». Cuestión esta menor para quen nunha das primeiras edicións do G.P. Albariño «fomos unha mañá aos postos do polbo e das rosquillas da Festa do Albariño mandados polo Concello a cobrarlles as taxas municipais para poder pagar os premios da carreira pola tarde, porque o Concello non tiña efectivo para darnos», relata Falcón.

Ao pouco, o Cambadés construía o no seu día mellor equipo español afeccionado, o que hoxe é a categoría elite, a antesala do profesionalismo. «No 76 corrían connosco Álvaro Pino, José Teixeira, Fabián García, Arturo Pérez, Isaac Goday e Modesto Sánchez», este último, fillo de Teto e pai de Ángel Sánchez, o compañeiro de Gustavo César Veloso no W52-FC Porto. «Era toda xente que rematou de profesional», sinala Falcón, e que xunta fixo as Américas polas catro esquinas da península Ibérica cun cadro «co 90 % de corredores galegos».

«Vamos ao viveiro»

En paralelo, co seu traballo de canteira o C. C. Cambadés conseguira facer habitual que outros clubs se referisen a el coa frase «Vamos ao viveiro» á hora de incorporar ciclistas, conta Ernesto. Veloso foi o seu último gran descubrimento. O de Bamio non necesitou nin unha tempada para probarlle a Falcón que «é boísimo, un xefe de filas perfecto para un equipo profesional».

Quen foi tamén durante 16 anos vicepresidente da Federación Galega de Ciclismo -segue formando parte da súa comisión delegada, e participou activamente na saída do Xacobeo Galicia- ademais de asembleísta e integrante da comisión delegada da Española, dedicou boa parte do seu labor á formación e promoción das novas xeracións de ciclistas. Falcón exclama que «dáme unha gran pena que con 7.000 licenzas en Galicia, o sábado non chegaramos aos 300 ciclistas entre todas as categorías base no Gran Premio do Albariño. Hai poucas escolas e equipos para sacar novos ciclistas adiante». Empezando por un C. C. Cambadés que a comezos de século se viu forzado a clausurar a súa escola e equipo: «Nós pagarámoslles os cursos de director deportivo a ciclistas de Cambados pensando en que deran o relevo nunha actividade altruísta, pero hoxe os rapaces son máis materialistas».

Botar a rodar a Ruta do Albariño, a outra proba que segue a organizar o C. C. Cambadés, que «os xuvenís galegos, que só sabían correr contra unha meta, teñan unha carreira de tres etapas» para poder medrar como deportistas, «era unha ilusión que sempre tivera» Falcón, e que segue en pé. Non así a Volta ao Salnés, que a crise levou por diante.

Agora, a nova ilusión de Ernesto é promover unha Ruta do Albariño feminina, e corresponder á solicitude de axuda para a posta en marcha do primeiro equipo ciclista feminino galego, o Céltigas C. C. F., que lle trasladou a pasada fin de semana unha persoa vinculada ao mesmo. E, sobre todo, gozar da morea de amigos que lle regalou o ciclismo ao longo e ancho da pel de touro, o seu verdadeiro premio, repite, a tantos anos de dedicación altruísta.

Conoce toda nuestra oferta de newsletters

Hemos creado para ti una selección de contenidos para que los recibas cómodamente en tu correo electrónico. Descubre nuestro nuevo servicio.

Votación
4 votos
Comentarios

Medio século pedaleando a historia