O Concello de Cambados tarda 19 días en pagar as facturas aos proveedores

La Voz CAMBADOS / LA VOZ

CAMBADOS

MARTINA MISER

No segundo trimestre do 2018 foron pagadas 975 facturas por importe de 991.851,38 euros

07 ago 2018 . Actualizado a las 05:00 h.

O Concello de Cambados tardou unha media de 19,28 días en pagar aos seus provedores no segundo trimestre do exercicio 2018. Durante este tempo foron pagadas 975 facturas por importe de 991.851,38 euros, estando abonadas fóra do prazo legal, 39, por un importe de 53.720 euros.

Estes datos melloran os do ano 2017, cando se pechou o exercicio cunha media 22 días, en aplicación do Plan de Axuste Económico Financeiro imposto polo Ministerio de Facenda «ao non cumprir a estabilidade orzamentaria no exercicio 2015 polo excesivo gasto realizado polo anterior goberno», segundo indica o concelleiro de Economía e Facenda, Xurxo Charlín.

Dentro do prazo legal

A débeda pendente do Concello de Cambados con provedores situase neste trimestre en 883.046 euros, dos cales 732.165 euros están dentro do período legal de pago a provedores, «manténdose a redución da morosidade en comparación co saldo do anterior goberno, xa que no terceiro trimestre de 2015 este importe chegou a ser de 1.299.855,77 euros», engade o concelleiro de Somos Cambados.

«Nos datos se mostran os esforzos en materia económica que se están a realizar, xa que cumprir co prazo de pago a provedores non debe ser só unha exixencia legal se non tamén un esforzo por parte dunha administración eficiente, xa que isto supón que os provedores de Cambados, en moitos casos empresas cambadesas, van cobrar antes os seus traballos e as súas facturas, datos positivos en comparación coa anterior xestión do Partido Popular», subliña Xurxo Charlín.