A Xunta dá luz verde á declaración do Albariño como Festa de Interese Internacional

Cambados LA VOZ

CAMBADOS

MARTINA MISER

O expediente será remitido agora ao Ministerio de Industria, para completar a tramitación

04 ago 2018 . Actualizado a las 17:29 h.

A Xunta de Galicia vén de enviar ao Ministerio de Industria, Comercio e Turismo o expediente favorable para que a Festa do Albariño de Cambados sexa declarada Festa de Interese Turístico Internacional. Co envío do informe favorable, o procedemento alcanza xa a súa etapa final e será agora o Goberno central o encargado de proceder á declaración, convertendo así a festa de Cambados na primeira festa enogastronómica galega en ser recoñecida de Interese Turístico Internacional.

«É un claro exemplo de como as festas galegas son un dos maiores patrimonios turísticos cos que conta Galicia», segundo indican desde a Xunta. Trátase dunha das celebracións vitivinícolas máis antigas da comunidade e a segunda de España, que conseguiu afianzarse nos últimos anos como gran expoñente do enorme potencial enogastronómico da Comunidade galega.

Precisamente hoxe participan nesta festa a directora de Turismo de Galicia, Nava Castro, e o delegado territorial da Xunta en Pontevedra, José Manuel Cores Tourís, que asistiron ao acto de irmanamento do Capítulo Serenísimo do Albariño.

O Albariño é, ademais, pioneiro xa que no seu día se converteu na segunda festividade de Galicia en ser declarada Festa de Interese Turístico Nacional e na primeira da provincia de Pontevedra en conseguilo. No ano 1990 abriu o paso ao resto de celebracións que a día de hoxe teñen ese recoñecemento en dita provincia converténdoa, con cinco festas recoñecidas de Interese Turístico Nacional, na de maior número de festas con esta distinción.