O Internacional do Albariño comeza pese ao calor

Pablo Penedo Vázquez
Pablo Penedo VILAGARCÍA / LA VOZ

CAMBADOS

Un bus xogoulle unha mala pasada ao subcampión das dúas últimas edicións

02 ago 2018 . Actualizado a las 05:00 h.

Finalmente, a trixésimo cuarta edición do Open Internacional de Xadrez Albariño vai adiante. Alomenos, a primeira das súas nove roldas. Pouco máis tarde das cinco arrincaba o torneo decano do xadrez galego a pesar da denuncia pública do presidente da súa organización, Marco Antonio Costa, que na véspera desvelou a súa pelexa de dous anos co director do Instituto Cabanillas de Cambados para recuperar o salón de actos que tradicionalmente servía de escenario á competición, relegada polo novo responsable do centro a un pavillón no que o calor do verán dificulta a concentración dos seus participantes.

Con todo, Costa non descartaba onte que a vaga de calor que ameaza toda a Península acabe levando á suspensión de parte dun Aberto que reparte 8.000 euros en premios, e que este ano conta con nove titulados na súa inscrición. Ningún deles fallou onte, agás Arian González, vencedor da edición do 2012 e tres veces subcampión, incluído os dous últimos anos, que perdeu... por incomparecencia. O motivo, desprazarse de Vilagarcía a Cambados en bus, e chegar 65 minutos tarde, 5 por riba do límite.