O Internacional do Albariño repartirá 8.000 euros en premios

La Voz CAMBADOS / LA VOZ

CAMBADOS

MARTINA MISER

O torneo cambadés mantén aberta a inscrición ata o luns. Hoxe dispútase o de categoría infantil

28 jul 2018 . Actualizado a las 05:00 h.

A festa grande de Cambados vén acompañada un ano máis, e xa suman 34, do Open Internacional de Xadrez do Albariño. Unha cita que se disputará do 1 ao 9 de agosto no instituto Ramón Cabanillas, e que da man do Club Ajedrez Cambados se converteu nun clásico do calendario galego, co trato ao xogador entre os seus principais ganchos.

Nesta liña, o presidente do club organizador, Marco Antonio Costa Fuentes, anunciou onte, no Parador de Cambados durante a presentación do Aberto, unha bolsa de premios en metálico de 8.000 euros entre os mellores do torneo, igualando a máxima cantidade repartida, fixada na edición do ano pasado. Co gañador levándose 1.300 euros e o Trofeo Folla de Prata, e 1.000 e o pin Folla de Prata o subcampión, premios ata o duodécimo clasificado, e cantidades para os tres mellores dos treitos de -1.600, de -1.800, de -2.000 e de -2.200 de ELO. O prazo de inscrición rematará o luns. Onte eran uns 60 os xadrecistas apuntados, con previsión de chegar a uns 80, e co Mestre Internacional cubano Arian González, campión da edición do 2012 e subcampión os dous últimos anos, figurando xa entre os favoritos tras rexistrarse no Aberto.

A presentación, que contou tamén co concelleiro de Deportes de Cambados, Víctor Caamaño, e co árbitro internacional Juan Bautista Aranzabe, servíu tamén para a entrega da Folla de Prata 2018, a distinción coa que o C.A. Cambados recoñece ás persoas, entidades ou institucións que contribuíron aos obxectivos do club, a María del Mar Trigo.

Como antesala, a organización exerce hoxe de anfitrioa do XXXII Torneo Infantil de Xadrez do Albariño, puntuable para o Circuito Galego de Promoción.