Dimensión, cor, linguaxe... Menchu Lamas

jose vaamonde

CAMBADOS

Martina Miser

O cambadés Pazo Torrado acolle ata o 23 de setembro "Vieiros da cor", exposición dunha das artistas referenciais da pintura contemporánea en España

31 jul 2018 . Actualizado a las 20:44 h.

Pazo Torrado • Ata o 23 de setembro • Cambados • De marcado corte expresionista, enfrontarse á abrumadora obra de Menchu Lamas é un acto de expectante encontro entre a muralística beleza compositiva de forma e cor, e a sempre enigmática e perturbadora incógnita do significado dos seus símbolos. A elección do gran formato, a súa dimensión, convida o espectador a adentrarse no mesmo cadro, a inserirse e formar parte del. 

Como ben apunta Fernando Castro Flórez, o interese polo grande formato, segundo a propia artista, vén dado pola procura da sensación de estar dentro do cadro. Entre os abstractos fondos móvense repetidos símbolos e figuras na superficie pictórica; ás antropomórficas (man, figura humana) ou zoomórficas (peixe, paxaro, hipocampo) engádenselle figuras xeométricas (coma o círculo, o labirinto, a espiral).

O contraste de tonalidades entre os fondos de cromáticas diluídas e delicadas coa cor máis vigorosa e viva das figuras axudan a resaltar e pór nun primeiro plano a mensaxe, o motivo. Digamos o estribillo do cadro. Logo, o xesto da brocha impregnada humaniza a obra. E todo isto en favor da procura do equilibrio harmonioso da composición.

Percorrer as pequenas salas do Pazo Torrado cunha exposición pictórica de gran formato como a que se presenta nesta ocasión sempre é un risco. A dimensión dos cadros absorbe o espazo... Ás veces tamén o espectador. Pero o risco paga a pena.

Uns brochazos biográficos da creadora

Menchu Lamas (Vigo, 1954) é unha das artistas máis importantes e de obrigada referencia para a pintura contemporánea en España, e clave para entender a arte galega a partir do último cuarto do século XX. Compoñente importante de Atlántica 1, grupo que pon a Galicia no mapa artístico mundial, enlazando primeiro coas vangardas históricas e os chamados Novos Salvaxes (Die Neue Wilden 2), pero tamén desde a Expresión Atlántica, enlazando co mundo precristián, céltico e atlántico.

Menchu Lamas ingresará este ano na Real Academia de Belas Artes de Galicia xunto á escultora Soledad Penalta.