A Preferente esperta a dúas velocidades no Salnés

CAMBADOS

MARTINA MISER

Juventud Cambados e Amanecer iniciaron a pretempada case ao completo, mentres U. Grove e Vilalonga seguen pendentes de moitas pezas

25 jul 2018 . Actualizado a las 19:25 h.

A un mes da primeira xornada de Liga os catro equipos do Salnés que o vindeiro curso militarán na Preferente dan os seus primeiros pasos. E fano a dúas velocidades, co Amanecer e co Juventud Cambados, os dous recén ascendidos desde a Primeira Galicia, comezando cos seus novos planteis practicamente pechados, e cos seus dous veciños, o descendido Vilalonga e o Unión Grove, o único dos catro que repite na categoría, con moitas pezas inda por reunir de cara a compactar os seus modestos proxectos. Así se atopan nestes momentos.

Vilalonga

Comezando case de cero da man de Ramiro Sorbet. Os defensas José Núñez, Nicolás Fraga, Aarón Trelles e o capitán, Adrián Santos, son, xunto co centrocampista Brian, os únicos cinco xogadores que acordaron acompañar o Vilalonga no seu descenso á Preferente. Consumada a crónica dunha morte anunciada, coa directiva de Juan Carlos Bouzada pechando o seu único ano de servizo ao club cun profundo proceso de saneamento da gran débeda acumulada nos cursos anteriores, Marcelino Muñiz Padín, Marcelo, asumía a mediados de maio a presidencia do Vilalonga cun proxecto adaptado á nova realidade da entidade. Elixíu para o banquiño a Ramiro Sorbet, de volta tras tres anos de comentarista da Radio Galega, co Céltiga en Preferente coma anterior destino. O porteiro Aarón Puente (procedente do Juvenil Ponteareas), os defensas Iván Renda (Ribadumia), Pablo Costas (Moaña) e Jesús Parcero (Beluso), e os dianteiros David Calo (Escairón), Gabriel Ferreirós (Cordeiro) e Nico (Ribadumia) son ata agora os reforzos confirmados nun Vilalonga que ten o seu primeiro adestramento programado para mañá. 

Unión Grove

«Moi despaciño, moi despaciño. Nel fíxonos moito dano». Moncho Míguez, o presidente do Unión Grove, salienta o golpe que para o equipo supuxo non tanto a marcha do seu adestrador os dous anos anteriores, como o feito de que Nel nos «levou a máis da metade do equipo con el ao Xuventú Sanxenxo: Josepa, Fiti, Rodri, Dieguito, Jacobo Esperón, os irmáns Diego e Rubén González...». Claro que o Unión tamén perdeu a homes coma Saúl e Pablo Baúlde (J. Cambados), Vixo (Umia), César (Amanecer) ou Toño (Céltiga). O central Dani e o mediocentro Martín Rey son os únicos que seguen da tempada pasada. Santi Mariño, que levaba varios anos afastado dos banquiños, comezou traballar o pasado venres cunha ducia de futbolistas, dos que o presidente do Unión non quixo desvelar máis identidades cas de Luciano, central que levaba dúas tempadas parado, e o lateral esquerdo Pichi, que vén do Céltiga tras unha cesión ao Xuventú, ademais dos canteiráns que soben do plantel xuvenil Tomás Míguez, Pablo López e Gabri Díaz. 

Amanecer

Pendente só de 3-4 xogadores de superior categoría, e dun preparador físico . Ricardo Dios iniciou onte a pretempada con 18 efectivos. Os renovados Jorge, Manu, Cano, Bisti, Félix, Augusto, Tinaia, Ramiro, Pita e Xaco, e os reforzos do porteiro Sergio (Céltiga), dos defensas Pintos (Arousa xuvenil), César (U. Grove) e Sáez (Pontevedra B), o mediocentro Piñeiro (San Martín), e os dianteiros Cristian (Domaio), Rubén e David (San Martín). Un defensa zurdo e 2-3 homes de ataque pecharán o plantel.

Juventud Cambados

Máis cambios dos desexados. A intención de Edu Charlín era dar o salto á Preferente con arredor dun 80 % do plantel que na primavera conquistou o ascenso. Pero a decisión de varios dos seus xogadores de permanecer na Primeira Galicia reducíu a continuidade ao 50 %, co si de Ander, Adrián, Andrés, Félix, Pénjamo, Grégor, Noli, Manuel, Marcos, Machu e Manu Nieto. No capítulo de fichaxes, Saúl, Reguera e Pablo Baúlde (U. Grove), Vivar (Campolameiro), Falcón (San Martín) e Ramón (Pontearnelas). O luns comezaron traballar xuntos, pendente Edu Charlín das fichaxes dun defensa polivalente e dun mediocentro creativo.