A Federación Española desestima o recurso do Xuven

Pablo Penedo Vázquez
pablo penedo VILAGARCÍA / LA VOZ

CAMBADOS

MONICA IRAGO

Baloncesto O club cambadés queima o seu último cartucho no CSD

20 jul 2018 . Actualizado a las 05:00 h.

A primeira hora da tarde de onte o Club Xuventude Baloncesto recibía a nova. A Federación Española de Baloncesto rexeita o recurso co que desde os despachos do Pombal lle requerían ao órgano reitor do deporte da canastra a admisión do primeiro plantel amarelo na vindeira edición da Liga EBA. Unha competición na que contaba con dereitos deportivos tras o descenso do conxunto cambadés desde a LEB Prata, pero da que foi excluído pola FEB por un defecto de forma, ao ter presentado fóra do prazo administrativo a sinatura dun dos catro directivos que respaldaron o aval requerido.

O certo é que a decisión non colleu por sorpresa a ninguén en Cambados. Tanto é así, que no momento de facer pública a súa intención de recurrir pola vía administrativa a exclusión da EBA, a directiva do Xuven adiantaba que acudiría de ser preciso perante o Consejo Superior de Deportes prevendo o non da Federación. O mesmo modo de operar ao empregado un ano atrás polo Marín PeixeGalego e polo Zornotza tras a súa exclusión da LEB Prata, e polo C.B. Chantada despois de verse fóra da EBA.

O Xuven informou da inminente presentación do recurso no rexistro do CSD. O problema é que o seu caso semella máis próximo ao do Marín e do Zornotza, có do Chantada. O CSD déralle o verán pasado a razón á FEB no tocante aos dous primeiros, castigados por cadanseu defecto de forma e de tempos na tramitación da súa inscrición federativa, fallando pola contra a prol do club lugués, que si presentara, e con tempo, todos os papeis a través da Federación Galega de Baloncesto; só que esta aparcáraos incomprensiblemente deixando morrer o prazo da Española sen darlles curso a Madrid.

¿Agardar ata o 1 de setembro?

A segunda derivada da baza do CSD son os prazos. E é que hai un ano Marín, Zornotza e Chantada non souberon da decisión final do CSD ata o 1 de setembro.

Noutra orde de cousas, onte o Marín anunciou a fichaxe de Juanchi Orellano para o seu proxecto de volta á LEB Prata. O base hispanoarxentino manténse así na categoría, logo de destaparse coma un dos mellores directores de xogo da última Liga no Xuven.