Mil primaveras para Condes de Albarei

Serxio González Souto
serxio gonzález VILAGARCÍA / LA VOZ

CAMBADOS

Mónica Irago

César Portela, Núñez Feijoo e Carlos Núñez acompañaron no seu brinde ás catrocentas familias que forman a cooperativa

17 jul 2018 . Actualizado a las 13:13 h.

O 16 de xullo de 1988, 115 socios soñaron a constitución dunha cooperativa vitivinícola e levárona a cabo. Trinta anos despois, catrocentas familias integran a alma de Condes de Albarei, unha adega de absoluta referencia na máis desenvolvida das denominacións de orixe do viño galego, Rías Baixas. Onte, preto de oitocentas persoas déronse cita en Pazo Baión, a emblemática propiedade que Condes de Albarei soubo adquirir, hai dez anos, e facer dela o buque insignia do enoturismo en Galicia, para algo tan sinxelo coma brindar polo seu trixésimo aniversario. «Sodes viño», saudounas a todas elas Fernanda Tabarés, directora de Voz Audiovisual, quen se encargou de conducir a conmemoración. Fernanda deu no cerne do proxecto que pilota a cooperativa cambadesa ao situala como modelo de economía produtiva, ben lonxe da voraz e insaciable economía especulativa que tanto dano ten desencadeado. Riqueza, comunidade, futuro, sociedade e país foron algúns dos termos que a xornalista empregou para se referir ao que leva acontecido en torno a Albarei e a Pazo Baión, unha sorte de resumo a escala da mesma historia de Galicia.

A parte máis emotiva centrouse no recoñecemento aos membros dos diferentes consellos reitores que se foron sucedendo dende 1998, encarnados en doce dos seus socios. Manuel Padín, o número un, Manuel Chantrero, xa falecido; Hernando Gómez, Xosé Padín, Agustín Portela, Adolfo Santalla, José Antonio Vázquez, Evaristo Varela, Ramón Meis, Antonio Álvarez, Guillermo Rodríguez e a propia Dolores Calvo, a súa actual presidenta, quen non deixou de subliñar a unión que fai a forza como motor deste grande proxecto chamado Condes de Albarei, así como o labor que está a desempeñar o seu xerente, Xavier Zas.

Colleron o relevo no uso da palabra César Portela, o arquitecto a quen foi confiada a rehabilitación de Pazo Baión; o home que deixou unha parte da súa alma de artista neste lugar, segundo asegurou o alcalde de Vilanova, Gonzalo Durán; o reformador dun espazo magnífico que aínda garda un meirande potencial. Portela síntese na casa, e iso nótase cada vez que fala destas trinta hectáreas irrepetibles.

Por fin, o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijoo, que xogou coa súa axenda -hoxe viaxa a Madrid para se reunir co presidente do Goberno, Pedro Sánchez; «sorte», desexoulle alguén- para poder estar aquí onte, xunto á rexedora de Cambados, Fátima Abal, e o tenente de alcalde, Víctor Caamaño, os seus homólogos de Vilanova, queda dito, e Ribadumia, e o delegado da Xunta, Cores Tourís. Encetou Feijoo un discurso de defensa do cooperativismo, de chamamento á unión dos pequenos propietarios que, seguindo o exemplo de Albarei, deberían erguer o agro galego, e de loita contra os pesimistas que «sempre atopan mil escusas para non facer nada» a fin de avanzar cara «un luminoso horizonte». Outro Núñez, Carlos, puxo o colofón coa súa gaita. Pero se alguén acertou a resumir o que flotaba no aire foi Dolores Calvo, ao lembrar a Cunqueiro e pedir «mil primaveras máis para Condes de Albarei».