As irmás acróbatas que saltan de podio en podio

Pablo Penedo Vázquez
pablo penedo VILAGARCÍA / LA VOZ

CAMBADOS

MONICA IRAGO

Uxía, a pequena, quixo probar no deporte que acababa de descubrir a maior, Naia. En dous anos ambas contan con palmarés nacional na ximnasia acrobática e de trampolín

12 jul 2018 . Actualizado a las 05:00 h.

A fin de semana pasada celebrouse o Campionato de España de Trampolín, unha das modalidades da ximnasia de competición. Entre os participantes, as irmás cambadesas do Club Ximnasia Pontevedra Naia e Uxía Rodríguez Fernández. Naia, a maior (12 anos), colgouse o ouro na categoría de doble minitramp base por equipos xunto cos estradenses Luis Brea e Román Senín, e co pontevedrés Albert Melón. Uxía (8) facíase co bronce individual no cadro de elite 4 de tumbling. Un bo punto final para a segunda tempada de dúas grandes promesas dos seus deportes, o trampolín, e a ximnasia acrobática que comezaron practicar o curso anterior mediante un proceso de mímese tan común cando se fala de irmáns.

Cunha nena que ve a televisión facendo o pino, os pais de Naia atoparon na ximnasia acrobática a vía de expresión deportiva que demandaba a súa filla maior, quen practicando xa a ximnasia rítmica, botaba en falla máis saltos na súa execución. O feito de ter que desprazarse catro días á semana a Pontevedra para que Naia puidese adestrar deu pé a que Uxía asistise a boa parte das sesións de preparación. Adestradores do club animárona a probar tamén, e non lle tiveron que insitir. E mentres Naia remataba a súa tempada de debú na ximnasia acrobática co subcampionato de España júnior de parellas a piques de cumprir os 11, a súa irmá comezaba a abraiar cunha desas viravoltas da vida que non se sabe se acabarán cos pés no chan e as mans ao aire, ou coas extremidades intercambiando os elementos ata que xa non hai volta atrás.

«O ano pasado Uxía só participaba en competicións de categoría escolar», cóntanos a súa nai, María, «a súa parella en ximnasia acrobática escordou un nocello quince días antes do Campionato Galego, e non pudo competir. No club dixéronlle entón que competira en trampolín. Ela dixo ‘no sé, voy a hacer el ridículo, yo no sé de eso...’ Foi campioa de cama elástica, subcampioa en minitramp e dobre minitramp, e bronce en tumbling. Foi a única rapaza que conseguíu medalla nas catro categorías do trampolín». Visto o visto, «todo o mundo dixo ‘¡Eh! Imos repensar as cousas’ E este ano puxérona traballar tanto en acrobática -foi subcampioa galega de parella alevín- coma en trampolín».

 

As ideas moi claras

O ouro de Naia a pasada fin de semana non tivo a súa orixe en ningún infortunio. «O traballo de ximnasia acrobática sérvelle de base para o tumbling. Hai un mes rematou a tempada de acrobática -fíxose coa prata galega en trío xuvenil elite-, e púxose a preparar o trampolín», comenta a súa proxenitora. Tras botar en marzo o peche o centro de equitación no que practicaba doma clásica, o outro deporte entre o que repartía parte das súas prezadas 24 horas do día, Naia obtivo inda mellores resultados cá na ximnasia acrobática. Con todo, a campioa de España ten claro que o que a ela verdadeiramente lle gusta, afirma, é «la acrobacia. Noté que era mi deporte desde el primer día. Quiero llegar a competir a un nivel muy alto, ir a un Europeo -algo ao que non poderá comezar optar ata os 14 anos-».

 

Prioridades e valores

Un detalle dá boa conta da convicción de Naia. O vindeiro curso académico a maior das irmás Rodríguez Fernández cambia o colexio polo instituto. «En Cambados todos os institutos teñen clase os luns pola tarde, un dos días de adestramento en Pontevedra. Naia», desvela a súa nai, «preguntoume que instituto acaba antes as clases. Coincide que é o Asorey, o que lle correspondía polo seu colexio, polo que irá con moitos dos seus compañeiros. Pero dáballe igual. Se os quince minutos antes que chegará ao adestramento foran noutro instituto, querería ir a ese».

O paso a Secundaria obrigará a maior das irmás a rendabilizar inda máis o seu tempo. «As dúas piden cada vez máis horas de adestramento. Comezaron no seu día con 2-3 á semana, e hoxe a pequena fai 12, e ás veces mesmo 15 como a maior», relata María. Os sábados, mesmo comendo cos compañeiros do club en dobre sesión de mañá e de tarde. «Como pais», fala a nai, «estamos sorprendidos coas dúas, pero moi contentos. Elas saben que saen do colexio ás catro, e que teñen ata as cinco e media para merendar e para facer os deberes e estudar antes de ir adestrar a Pontevedra os luns, mércores e venres». E xa en 6º. de Primaria «Naia sacou todo noves e deces, agás sorprendentemente en ximnasia, na que tivo o único oito». E é que, ao final, «o deporte», este ou calquera outro, enumera a proxenitora, «ensina sacrificio, disciplina, traballo en equipo. A tolerar a frustración cando as cousas non saen ben. E a xestionar o tempo». Sen dúbida, elementos de apoio para Naia e para Uxía moito máis valiosos cos podios que poidan seguir sumando cando co tempo lles toque sortear as acrobacias da vida.