Blas Charlín múdase a 30 quilómetros do castelo de Drácula da man do Celta

CAMBADOS

MARTINA MISER

O técnico cambadés cambia a AFA de Angola pola dirección da academia do club celeste en Brasov, Transilvania

06 jul 2018 . Actualizado a las 05:00 h.

Blas Charlín Oubiña (25/X/1979) porá fin o domingo ás súas vacacións para coller un voo lonxe de Cambados. Unha rutina desde que hai catro anos daba un xiro radical á súa carreira como adestrador de fútbol cambiando o banquiño do Pontevedra B da Preferente Sur para fichar como segundo do Sporting Luanda e Benfica. Cunha final da Supercopa de Angola e participación na Copa Nelson Mandela (equivalente africano da Uefa) na súa estrea, o arousán continuou outros tres anos máis na capital do país africano no papel dun dos artífices da metamorfose da Academia de Fútbol Angola, propiedade do presidente do Estado, na entidade formativa máis potente no panorama do balompé do continente negro. Blas Charlín volverá subir o domingo a un avión para continuar por quinta tempada a súa carreira profesional a miles de quilómetros da vila do albariño. Só que as coordenadas de destino viran do sur ao leste. De Luanda á localidade rumana de Brasov, onde o arousán iniciará un novo salto cualitativo para converterse no máximo responsable do Celta Brasov.

A 30 quilómetros do Castelo de Bran, a no seu día fortaleza do nobre rumano Vlad Tepes que inspirou o mito de Drácula, Blas Charlín traballará para o club vigués en calidade de director técnico da academia que o club local puxo en marcha da man do Celta na tempada 2016/17. «A academia é propiedade rumana, e traballa coa metodoloxía do Celta. Conta con 250 nenos de diferentes categorías, e con catorce equipos, incluído un sénior nunha división equivalente á nosa Terceira que que na vindeira Liga terá un plantel cun 90 % de xuvenís», explica o cambadés, que se muda a unha das principais cidades de Rumanía, duns 300.000 habitantes situada na rexión de Transilvania. «O obxectivo é facer unha academia de excelencia», engade o galego, con estancias puntuais dos seus mellores xogadores na Madroa para avanzar na súa progresión.

¿Como xurdíu a oportunidade de traballar, e a este nivel, para o Celta? Blas Charlín conta que todo foi moi rápido: «Chamáronme esta semana de Vigo. Xusto antes botara tres semanas alí pola miña conta, vendo a metodoloxía de traballo do club», e tamén «impartín unha charla contando o noso sistema de traballo na A.F.A., e o contexto actual do fútbol africano». Foi escoitar a proposta do Celta, e o cambadés non o pensou. Ademais de escalar un chanzo, ao pasar de axudante do director técnico en Angola a máximo responsable no Celta Brasov, «é un proxecto moi bonito, e moi ambicioso. Ofréceme a posibilidade de coñecer outro país, e de representar o Celta. Foi unha opción que non podía rexeitar. É un proxecto que me motiva, e me emociona», declara Charlín.

 

«Saímos pola porta grande»

O certo é que a proposta do club olívico chegou no momento preciso. E é que a etapa de Blas Charlín en Angola chegara á súa fin. «O meu traballo na A.F.A.», comenta o arousán, «estaba esgotado. Cumprimos cos obxectivos. Convertemos a academia nun referente en África. Sempre que había unha visita institucional de alto nivel a Angola querían coñecer o noso traballo. Gañamos por segundo ano o torneo de Carballo, no AF7 vencemos 8-0 o Valencia. Demos a coñecer o nome da A.F.A. en Europa. O proxecto creceu dunha maneira que nin imaxinabamos. Saímos pola porta grande. Agora tócalle a outra xente nova poder manter iso».

Con ofertas de Arabia Saudí, de Dubai, de Líbano ou de China, Blas Charlín quedou coa do Celta de Vigo porque, subliña, «estaba buscando un proxecto para sacar futbolistas» de alto nivel.