«As mulleres van camiño de lograr o protagonismo que merecen»


cambados / La voz

roberto piñeiro

A súa avoa foi unha de tantas mulleres batalladoras que ten dado o mar de Cambados. Súa tía seguíu ese camiño de resistencia e de loita -contras as mareas e contra os problemas-. Pero o certo é que Roberto nunca imaxinara que el mesmo acabaría na praia, coma elas. El formárase como administrativo e para ser celador sanitario. E aínda que atopou traballo do seu, cando chegou a crise as cousas torcéronse. Foi daquela cando lle plantexaron a posibilidade de presentarse para se facer cun pérmex da confraría de Cambados. E decidiu probar sorte.

-Ir á seca segue a ser algo asociado co traballo feminino...

-Sempre foi así. Dende que eu era pequeno, o 99 % era traballo feminino. Pero agora xa hai uns cantos homes tamén. Cando eu entrei xa había tres, e agora xa somos algúns máis. Pero o certo é que se hai dez ou quince anos alguén me di que ía acabar sendo mariscador a pé daríame a risa.

-¿Levoulle moito tempo decidirse a entrar?

-Non. Eu vino cuma unha opción máis de traballo. Era o ano 2012, estabamos en plena crise, era o momento máis duro. Non vía saída en terra, e esta era unha vía máis para facer a vida.

-¿O traballo é como esperaba?

-É un traballo que ten as súas cousas boas. Non tes superiores, podes organizarte, e como botas tres ou catro horas ao día, podes compaxinalo con outras cousas se queres, e permite conciliar. Iso si, é un traballo físico que te vai minando. Non é algo que notes nunha semana, ou nun mes, pero eu levo seis anos e empezo a ver que teño dores de espalda.

-Hai quen ve no marisqueo a pé máis como un «complemento» da economía familiar que coma un traballo tan serio coma calquera outro. ¿Vostede que opina?

-Que é todo o contrario. Na época da miña avoa pode que fóra así, pero nestes momentos xa non, e menos en Cambados. Dende que se fixo a agrupación, e tal e como se vai poñendo a vida, é un traballo máis que digno. De feito, teño compañeiras con moita formación, licenciadas e diplomadas, que entraron aí porque no seu ramo non atoparon traballo. E penso que con todo iso se vai valorizando o noso traballo. Nestes momentos, e comparados con outra xente, somos case privilexiados.

-¿Pensa que o papel da muller no mundo do mar está recoñecido?

-Todo é mellorable, pero penso que pouco a pouco as mulleres van collendo o protagonismo que merecen. Cada vez se ten máis en conta a súa opinión, e cada vez van tendo máis representación nos órganos directivos.

-¿Cal é a súa sensación na praia? ¿É facil traballar nun colectivo de tanta xente?

-Trabállase ben. Somos un colectivo formado por unhas duascentas persoas, e entre tanta xente hai de todo. Con algunhas compañeiras tes máis empatía que con outras, pero iso é o normal. Tampouco é que teña un trato directo con todo o mundo, porque ao final tanto á hora de mariscar, como á de facer outras tarefas -isto non é so apañar o marisco e marchar para casa- vanse facendo grupos de traballo e, ao final, o día a día pásalo cun grupo determinado de persoas. Por iso non hai problemas.

Conoce toda nuestra oferta de newsletters

Hemos creado para ti una selección de contenidos para que los recibas cómodamente en tu correo electrónico. Descubre nuestro nuevo servicio.

Votación
2 votos
Tags
Comentarios

«As mulleres van camiño de lograr o protagonismo que merecen»