A Arribada Gaélica maridará tradición, música, festa e deporte

La Voz VILAGARCÍA / LA VOZ

CAMBADOS

MARTINA MISER

Unha travesía pola ría e unha foliada mañá darán paso o sábado a un torneo e a un concerto maratoniano

07 jun 2018 . Actualizado a las 05:00 h.

O edil de Deportes de Cambados, Víctor Caamaño, e o directivo e xogador do Cambados Gaélico, Manu Oubiña, presentaron onte no consistorio da vila do albariño a segunda edición da Arribada Gaélica. Unha iniciativa do club local, con excelente acollida o ano pasado, que busca aunar a promoción da tradición do mar e da música galegas coa práctica do fútbol gaélico, todo envolto nun ambiente festivo e que contará con dúas xornadas de programa.

Mañá venres a Arribada Gaélica arrincará cunha travesía dunha ducia de embarcacións tradicionais pola ría de Arousa. Con saída ás catro da tarde desde o peirao de Tragove ata a illa da Rúa, e chegada prevista no punto de inicio sobre as sete. Os participantes desprazaránse acto seguido á Praza de Alfredo Brañas, onde haberá unha foliada de gaiteiros con churrascada.

A Arribada Gaélica continuará o sábado, no complexo polideportivo do Pombal, co Torneo de Fútbol Gaélico, de 10 a 14 horas. Aos tres equipos do Salnés, o Dorna F.G. da Illa de Arousa, o Mecos F.G. do Grove e o anfitrión, o Cambados Gaélico, súmase nesta segunda edición como convidado o Herdeiros de Dhais de Lalín. A final está programada para a unha da tarde, recuperando despois a Praza Alfredo Brañas como epicentro da Arribada Gaélica. Alí, desde as dúas e media, soarán dez horas e media de música ata a unha da madrugada do domingo. Con actuacións dos grupos Take It Easy (14.30 horas), Zeltia (16), Sparkle Queens (17.30), Treboada Rock (19), Crespo (20.30), Leda Atómica (21.30), Jaguars (23) e DJ Paints (00.30 horas). Con eles aqueles que se acerquen á Praza Alfredo Brañas poderán gozar de estilos tan diferentes como o rock, o folk, a música disco, ou o reggae.

Igual co día anterior, o Cambados Gaélico porá a disposición dos visitantes á Arribada Gaélica unha churrascada e unha barra, cos que pretende recadar fondos cos que encarar a vindeira tempada, a terceira da súa inda curta existencia.

 

Actividades para nenos

Pensando en facilitarlle a asistencia a todos os públicos, o Cambados Gaélico tamén ofrecerá o sábado, de 18 a 20 horas, un obradoiro de maquillaxe e de globoflexia infantil a cargo das Titiriteiras.