Cambados convoca un concurso literario para estudantes

CAMBADOS

MARTINA MISER

Concello e IES Asorey van da man e crean un selo editorial para publicar as obras premiadas

23 may 2018 . Actualizado a las 05:00 h.

«Queremos crear unha nova vía para que os talentos de Galicia poidan seguir creando». Con estas verbas presentou onte Domingo Tabuyo a primeira edición do concurso literario «Cambados mar de letras», que convocan o Concello de Cambados e o instituto Francisco Asorey. O certame ten dúas modalidades, poesía e relato curto, e está dirixido a alumnos de secundaria, bacharelato e ciclos formativos de toda Galicia, sempre e cando non superen os vinte anos. As obras deberán ser orixinais, inéditas e escritas en galego e establécense dous premios en cada categoría, un primeiro e un accésit de 250 e 125 euros, respectivamente, e mais unha figura conmemorativa e a publicación nun libro editado baixo o selo Edicións do Serrido, creado para este fin. O xurado estará presidido por un escritor de prestixio e os premios entregaranse o 9 de novembro, Día do poeta Cabanillas. O prazo de presentación dos traballos remata o 10 de outubro e as bases poden consultarse a través das plataformas do Concello e do instituto. O cartel que anuncia o concurso é obra da profesora María Gómez Paz.