Estoupido cultural nunha xornada de festa

r. e. / b.c. / m.a. / m.s.

CAMBADOS

Óscar Cela

Vilagarcía concentra os actos centrais do 17 de maio en Carril, con música, ofrenda floral e poesía

17 may 2018 . Actualizado a las 05:00 h.

Inmersa nos preparativos para a celebración de Santa Rita, Vilagarcía abre hoxe un paréntese para volcarse noutra festa, a das Letras Galegas. Unha xornada de reivindicación e de amor ao noso idioma que xa se ten traducido nun amplo abano de actividades ao longo das últimas semanas. Hoxe é o día grande, a xornada dos actos centrais. Desenvolveranse estes, como ven sendo habitual, na vila de Carril, onde a cidade reservou un espazo para lembrar a Rosalía de Castro.

Hoxe é día de festa, e precisamente por iso a xornada arrinca con pasacalles a cargo das gaitas de Malveiras. Logo, na praza da Liberdade, actuará o grupo de baile e pandeireta, que lle dará paso á Rondalla do Gato Negro, que xoga na casa.

Ofrenda e vermú

Ás doce e media terá lugar un deses eventos que non poden faltar no cronograma do Día das Letras: unha ofrenda floral diante do busto de Rosalía, para honrar con elas e cos seus colores a voz potente e sonora, aínda hoxe, da escritora.

Hai máis. Porque, empeñados en encher o día de atractivos para gozar en familia, o Concello de Vilagarcía decidiu levar a Carril, hoxe, un dos concertos que forman parte do Ágora Vermú. Así que, ás 13 horas, Davide Salvado e Pedro Pascual collerán os seus instrumentos, afinarán as voces, e porán música á xornada. E todo isto, con vistas a Cortegada. ¿Pode haber un plan mellor para gozar deste día de festa?.

O Trevo organiza unha xuntanza moi musical

Hoxe • Todo o día • Campo da Feira de Mosteiro • A agrupación O Trevo, en colaboración co Concello de Meis e a Deputación, organiza un encontro festivo no campo da feira. Actuarán a banda A Bértula, a coral Belle Helenes e as cantareiras Madia Leva. Estarán tamén Os Borrateiros, A Carballeira e os anfitrións. Haberá, ademais, unha mostra de palilleiras de Cambados e das mulleres rurais do Salnés. E queimada gratis para os asistentes.

Música e moita ilusión no centro social de Dena

Hoxe • 18.30 horas • Centro social de Dena • En Meaño, as celebracións do Día das Letras terán lugar no centro social de Dena. A gala comezará coa actuación da agrupación folclórica Penaguda e continuará cos alumnos da escola de música da localidade, que amosarán aos presentes todo o aprendido neste curso escolar. De poñer o punto e final ocuparase o ilusionista Martín Camiña, que porá en escena «Ilusións por e para María Victoria Moreno».

Homenaxe á agrupación músico cultural

Hoxe • 20.00 horas • Auditorio de RibadumiaO Concello de Ribadumia celebra hoxe a segunda gala homenaxe Ribadumienses en prol do galego. Nesta ocasión, a cerimonia terá como protagonista á agrupación músico cultural de Ribadumia, asociación que promove o uso do galego nas súas actuacións e en todas as actividades que organiza. Actuarán Madialeva, Añoranza e a compañía de teatro Alecrín e a homenaxeada interpretará o himno.

Unha gran celebración na Rúa Castelao

Hoxe • A partir das 11.00 horas • Rúa Castelao • A festa das letras trasládase este ano á nova rúa peonil do Grove. Alí, a partir das once, os libreiros colocarán os seus postos. Media hora despois haberá un conta contos a cargo de Xarope Tulú. E, ao rematar, poetas locais estrearanse no primeiro recital poético de Letraenxebre. De poñer a música ocuparase Paradanda-Mecos. Pola tarde, ás seis, O Corgo acollerá o festival de Cantodorxo.

«Pradolongo» e as «As letras no mar» na fin de semana

Mañá ás 20 horas proxectarase a película «Pradolongo, no auditorio municipal, cun prezo de tres euros a entrada. O sábado hai doble cita. As 11 horas manda a tradición e a cultura marítima coa homenaxe á «Nova Marina», unha réplica dunha lancha xeiteira da asociación Dorna, que cumpre 25 anos. As 19 horas actúan Sanjurjo e Dopico no auditorio (entrada 5 euros) e o domingo ao mediodía no Regueiro haberá xogos tradicionais para os cativos.

Contacontos e sesión de cine pola tarde

Todo o día • A xornada festiva arrinca ao mediodía coa música e os bailes da asociación folclórica Valle-Inclán e continúa as seis da tarde cun contacontos baixo o título «Aprendiz de mago», da man de Purpurina no multiusos. As sete da tarde proxectarase a película «Silcixia» no pavillón multiusos de Vilanova, que xa foi escenario de varias proxeccións no que vai de ano. A programación das Letras continuará na fin de semana.

Unha aposta polos libros con agasallo de exemplares

O Concello de Valga aposta polos libros e a literatura nestas datas. Onte agasallou cun exemplar das obras gañadoras do Premio de investigación Ferro Couselo a cada veciño que se achegou ás oficinas municipais. Ademáis, prosegue coa súa iniciativa «libros misteriosos», pola que invita aos usuarios da biblioteca, especialmente aos máis novos, a descubrir novos títulos mediante un xogo que consiste en agochar as cubertas dos libros.

Documental en Exposalnés e concerto da Banda de Castrelo na Calzada

O día das Letras Galega toca concerto da Banda de música de Castrelo en Cambados. Desta volta, aproveitando o bo tempo, a formación actuará no paseo da Calzada, ás 13 horas, ao carón da escultura de Ramón Cabanillas. Tamén a mediodía, no mesmo punto, terá lugar a ofrenda floral da man de Somos Cambados, que fai deste xeito a súa particular homenaxe ás Letras Galegas. Antes, ás 12 horas, proxectarase en Exposalnés o documental «María Victoria Moreno, galega por amor». Mañá seguirá habendo actividades. O Concello organizou para as oito da tarde no auditorio municipal un concerto de Carmen Penim, que acompañada de piano, contrabaixo e batería cantará «Herdeiras» e obras de María Victoria Moreno.