O día 17 os actos trasladaranse a Carril e comezarán cun pasacalles a cargo do grupo de gaitas Malveiras. Unha hora despois, na Praza da Liberdade, actuará a escola de baile e pandeireta, e a continuación tocará a Rondalla Gato Negro. Ás doce e media terá lugar a tradicional ofrenda floral a Rosalía de Castro, acto no que participará o alcalde e concelleiros do goberno, así como o resto da corporación. As celebracións volverán á Praza da Liberdade á unha da tarde, para acoller o concerto co que Davide Salvado e Pedro Pascual amenizarán a sesión vermú.
Os Monicreques de Kukas, previa á festa que se celebrará na Rúa Castelao
Hoxe • 18.00 horas • Casa de Cultura Manuel Lueiro Rey • No Grove teñen preparado un intenso programa de actos para celebrar a festa das letras. Hoxe, por exemplo, é o día dos Monicreques de Kukas, que farán as delicias dos máis pequenos. Eles serán os responsables de abrir boca para a festa grande, que se celebrará o día 17 na Rúa Castelao. Alí haberá desde postos dos libreiros ata contacontos e recitais poéticos. Ademais de, por suposto, a tradicional festa de Cantodorxo, que será no Corgo.
Os Monicreques chegarán ás seis desta tarde á casa de cultura para presentar «O encoro enmeigado», o seu último traballo. Á cita están invitados todos os interesados. Ao día seguinte, a celebración trasladarase á rúa Castelao. A partir das once da mañá, esta acollerá a exposición dos libreiros locais e unha mostra de paneis de María Victoria Moreno. Alí haberá tamén un contacontos a cargo de Xarope Tulú, un recital poético da man de Enxebre e unha foliada de Paradanda-Mecos. Cantodorxo porá a música á xornada co seu festival, que será no Corgo.
Música por partida dobre no auditorio municipal e audiovisual en Exposalnés
O Concello de Cambados ofrece varias citas esta semana co gallo do Día das Letras Galegas. Esta mesma tarde (20 horas), no salón de actos de Exposalnés terá lugar o acto de presentación do libro-cedé «Herdeiras», de Carme Penim, e proxectarase a curtametraxe «Bucle», de Margarita Ledo. O xoves día 17, ás 13 horas no auditorio de A Xuventude, celebrarase o tradicional concerto das Letras Galegas a cargo da Banda de música de Castrelo, e o venres 18 de maio, ás 20 horas, tamén no auditorio, será a propia Carmen Penim a que ofrecerá un concerto con cancións de «Herdeiras» e poemas de María Victoria Moreno. A autora estará acompañada ao piano por Maurizio Polsinell, Javier Rabannal ao contrabaixo e Noli Torres na batería. Pola súa banda, Somos Cambados tamén organiza senllos actos. O día 17 as 12 horas proxectará en Exposalnés o documental «María Victoria Moreno, galega por amor» e, ao rematar, procederá a facer unha ofrenda floral ao pé da escultura situada no paseo da Calzada dedicada a Ramón Cabanillas.