«Valle-Inclán tamén viviu en Vilaxoán»

Serxio González Souto
serxio gonzález VILAGARCÍA / LA VOZ

CAMBADOS

MONICA IRAGO

Teo e Xabier del Valle-Inclán, neto do dramaturgo, impulsan unha ruta sobre a súa pegada no Salnés

13 may 2018 . Actualizado a las 05:00 h.

Estamos no centro sociocultural do Preguntoiro, dende que se ergueu, cos seus máis e os seus menos, o epicentro do movemento veciñal de Vilaxoán. Teo Cardalda Fernández (Vilaxoán, 1960) bótalle un ollo ao busto no que Juan Carlos Platis reflectiu a efixie de don Ramón María del Valle-Inclán. O cabezudo ten un mirar de retranca, coma se estivese a piques de botar unha gargallada. «Ti cres que a este gran home lle gustarían as miñas gambas ao ajillo?», pregúntase Teo. Pois non sei, pero o arrecendo deste prato que hoxe cociñamos faime pensar que si. «O segredo está en empregar un bo allo, un algo de romeu, un aire tan só de pementón picante da Vera, guindilla e unhas pinguiñas de whisky».

Falamos horas antes de que se presente aquí o libro que Xabier del Valle-Inclán, neto do xenial dramaturgo, escribiu sobre a pegada do seu avó, dacabalo de Galicia e Madrid, entre 1912 e 1925. «Pancho e máis eu somos camaradas, grandes amigos dende hai moitos anos», explica Teo.

Técnico naval, o noso home cobrou conciencia de clase logo das folgas do 72, cando marcha traballar a Citröen. «Non había outro partido que loitase contra Franco e a prol da democracia, non quero dicir que o PSOE estivese de vacacións, pero... Así que dende aquela milito no PCE». Andan en Vilaxoán traballando nunha homenaxe a Antonio Alejandre, un dos últimos guerrilleiros que se botaron ao monte en Arousa canda o alzamento fascista de 1936. «Antonio morreu hai uns meses, aos 103 anos, en Barcelona. Estivo en San Simón, condenado a morte... Que non se lle faga unha homenaxe a este home manda carallo». Teo semella un tanto enfadado. «É que o estou, estou cabreado e un tanto confuso coa esquerda. Logo de tantos anos de loita estamos nun momento máis perigoso aínda que nos primeiros anos desta democracia entre aspas, que é moito dicir, porque todo aquilo que se conquistou está indo pola borda. Pero, en fin, aquí estamos».

Unha das súas paixóns é o seu pobo. Á marxe de presidir durante oito anos unha asociación de veciños pioneira en Galicia, Teo tenlle dedicado varios libros. A realidade dun pobo; Á beira do mar de Arousa, a historia da igrexa románica de San Martiño de Sobrán... Porque unha das formas de traballar por Vilaxoán é dar a coñecer a súa historia. É así como chegamos á figura de don Francisco del Valle-Inclán Santos, «que era tío bisavó de don Ramón e naceu en Vilaxoán». E ao seu propio neto, que dalgún xeito mantivo ese vencello vilaxoanés. «Isto é importante, porque descubrimos que tamén Valle-Inclán viviu en Vilaxoán, aínda que uns tres meses, entre setembro e novembro de 1912, cando se muda a Cambados». A casa, que pertencía a don Tiburcio Alarcón, catedrático de Veterinaria en Madrid, aínda se conserva e atópase perfectamente localizada. ¿E logo por que demo marcharía o creador do esperpento á vila do albariño? «Disque a casa era moi húmida e, por se fose pouco, dende ela non vía o mar». Con iso e con todo, o autor foi quen de comezar a escribir aquí, en Vilaxoán, El embrujado, unha peza de teatro cargada de simbolismo e fondamente enraizada nos costumes e crenzas que entón profesaba pobo galego.

Todo este material formará parte da ruta de Valle-Inclán no Salnés, un proxecto no que Teo Cardalda e Xabier del Valle-Inclán traballan dende hai tres anos. A idea é desenvolver unha aplicación móbil que permita percorrer os moitos lugares da beira sur do mar de Arousa nos que o escritor deixou a súa pegada, perfectamente documentados. Esta APP remitirá a unha páxina web que ampliará a información sobre cada un dos chanzos valleinclaniáns e integrará a música de Teo Cardalda (o célebre músico, curmán do noso Teo e vilaxoanés, á súa vez) e Juan Carlos Porto. O deseño atópase nos fornos da Deputación.

Como a cabeza non para, Teo xa ten posto o maxín nun seguinte traballo: a historia da confraría de Vilaxoán, a terceira ou cuarta que se creou en España e o ano que vén conmemorará o seu centenario. «Que asteleiros había daquela nas Saíñas e en Canelas». O noso historiador promete sorpresas. As gambas tamén. Como están as condenadas.