Un país con moito para presumir

CAMBADOS

MARUXA ALFONSO

Adela Leiro e Mon Daporta recollen nun volume o mellor de Galicia e doarán todo o que recaden a Galicia AME

13 may 2018 . Actualizado a las 05:00 h.

¿Sabían vostedes que Galicia ten o maior número de núcleos de poboación de todo o Estado? ¿Ou que o galego é un idioma anterior ao castelán? ¿Ou que nun ano pode acoller arredor de seis mil festas, o que ven sendo unha media de 120 por día? Pois todas estas curiosidades e outras moitas historias están recollidas na última obra elaborada por Mon Daporta e Adela Leiro. Estes dous cambadeses quixeron recompilar nun so libro todo o que veñen coñecendo a través dos seus viaxes por todo o país e demostrar que nesta comunidade hai moito do que presumir. E o fixeron, ademais, colaborando cunha boa causa. Porque todo o que se recade coa venda deste libro, que ten un prezo de 15 euros, será destinado a asociación Galicia AME, que dirixe a tamén cambadesa Merchi Fernández.

«Temos un país de primeira, que temos que coñecer, que temos que valorar», explicou a autora do libro, que llo quixo dedicar a Merchi, «por toda a paixón que pon na defensa das súas cousas», e ao seu pai, «que foi quen me levou nas primeiras viaxes polo país», engadiu Leiro. A súa intención foi a de «facer un percorrido por todo o que ofrece este país». Un compendio resumido, porque non hai espazo para todo, no que colaborou moita xente. «O libro é unha homenaxe a este país e a todo o que significa, tan querido e tan pouco coñecido», insiste. Nel se destacan cuestións como que Galicia é unha potencia pesqueira e leiteira, ademais de que aquí hai 224.000 licencias deportivas. Galego é tamén o único balón de ouro que ten o fútbol español, Luis Suárez, e 400 deportistas de alto nivel.

«Nunca pensei que dunha enfermidade puideran sair cousas tan bonitas, e mesmo un libro», explicou a presidenta de Galicia AME, que se amosou emocionada coa iniciativa. Ela e os dous autores iniciarán en breve unha xira por Galicia para dar a coñecer esta solidaria publicación. Na presentación que onte se celebrou na Xuventude interviron tamén o concelleiro de Cultura de Cambados, Víctor Caamaño, e Montse Prado, deputada do BNG que levou ao Parlamento de Galicia varias das reivindicacións do colectivo AME, entre elas, a do fármaco Spinraza.