Cambados homenaxea as sentenzas en galego

marina santaló CAMBADOS / LA VOZ

CAMBADOS

ALBERTO LÓPEZ

Unha placa recordará aos xuíces «do cambio» ao tempo que reivindicará o uso da lingua materna

14 mar 2018 . Actualizado a las 05:00 h.

Este ano cúmprese un dobre 35 aniversario. Corría o 1983 cando se produciron dous acontecementos claves para a Irmandade Xurídica Galega: a aprobación da Lei de Normalización Lingüística e a fundación da Asociación de Funcionarios para a Normalización Lingüística. Un aniversario que aproveitará a Irmandade Xurídica Galega para recuperar un vello obxectivo, a divulgación do galego nos usos xurídicos. ¿Cómo conseguir este propósito? «Facendo un acto de pedagoxía social. Colaborando cos Concellos para conmemorar esas primeiras sentenzas ditadas en galego despois de moitos anos nos que se gardou nun caixón». Estas palabras son de Xosé González, secretario da Irmande Xurídica Galega e un dos precursores da iniciativa que se levará a cabo en Cambados o venres.

Tres nomes clave

A Fonsagrada, Cangas e, agora, Cambados. Unha placa recordará esas primeiras sentenzas en galego. Rememorará tamén aos maxistrados que as asinaban e que agora están lonxe da vila do albariño: Edgar Fernández Closs, Carme Pose Amado e Xoán Manuel Hermo. Foi no ano 1986 cando Fernández Closs se lanzaba ao galego, moi pouco tempo despois de que a Sala da Audiencia Territorial da Coruña (hoxe, Tribunal Superior de Xustiza de Galicia) rompese por primeira vez a tónica de ditalas en castelán. Xosé González recorda que Claudio Morilla era o presidente da sala e o relator da sentenza, e Leirós Freire e Gonzalo de la Huerga os outros dous maxistrados asinantes. Dende Cambados, como recordará a placa, non tardaron en aproveitar esta posibilidade.

¿Cómo cambiaron as cousas dende entón? Xosé González saca as cifras: a asociación á que pertence está formada por máis de 220 xuristas. Ademais, «35 dos 600 xuíces que hai en Galicia determinan sentenzas en galego». Hai que pensar, tal e como recorda, que «empezamos de cero».

As dificultades

Dende a asociación téñeno claro: os programas informáticos cos que traballan son a principal dificultade coa que se encontran ao querer traballar en galego. «Non están adaptados», afirman. Apuntan a unha segunda barreira: a educación. «É necesario que na universidade e nas escolas de prácticas xurídicas existan módulos nos que se explique en galego a tradición xurídica de Galicia». Neste sentido, apuntan cara á academia de xuristas que dirixen Luciano Varela e Barreiro Prado. «Aínda que os temas se cantan, loxicamente, en castelán, o uso coloquial do galego cala nos alumnos». A nivel institucional aplauden o papel de Carlos Varela como fiscal xefe de Galicia.

«Os programas informáticos son o principal obstáculo»

Aínda que agora é maxistrado da Audiencia de Lugo, Edgar Fernández tivo praza en Cambados entre os anos 1985 e 1989. Foi nese tempo, concretamente no 1986, cando comezou a ditar sentenzas na súa lingua, en galego.

-O seu é un dos nomes que vai aparecer na placa coa que se conmemoran as primeiras sentenzas ditadas en galego en Cambados. ¿Que lle levou a dar o paso?

-Foi unha decisión persoal, sen ningún tipo de organización e sen comentar con ninguén. Non recordo que sentenza foi, pero posiblemente algunha das partes fixo o informe en galego e deume certo pé para tirar cara a adiante con esa posibilidade.

-Remitida a tódalas partes, ¿sorprendeu o feito de que estivese en galego?

-Non tivo repercusión ningunha. Ninguén dixo nada, nin a favor nin en contra, nin tiven ningún tipo de proclama. Ou, polo menos, a min non me consta que tivera transcendencia. Foi plasmar en papel unhas declaracións que moitas veces se facían en galego, pero que eran traducidas ao castelán porque era e segue sendo moito máis sinxelo debido aos instrumentos que hai nas oficinas xudiciais.

-¿Como cambiaron as cousas trinta anos despois?

-Está normalizado e a ninguén lle chama a atención o uso do galego. Os principais problemas son materiais, debido ao uso de programas informáticos que non terminan de estar adaptados para o galego.

-¿E reticencias políticas ou ideolóxicas?

-Pode haber algunha cousa, pero moi puntual. Algún profesional que di non coñecer o galego e que, como non hai obrigación constitucional nin estatutaria de coñecelo, xera algún problema. Pero estou falando dunha ou dúas ocasións en trinta anos. Problemas reais non hai.

-Agora é maxistrado da Audiencia de Lugo. Imaxino que a posibilidade de recorrer ao Tribunal Supremo si complica o seu uso.

-Si, iso si que supón un hándicap. Moitas veces apóstase polo castelán porque o uso do galego implica dirixirse aos servizos de tradución do que dispoñen as Audiencias, supoñendo unha demora máis dentro da gran demora que sufrimos na administración de Xustiza.

-Un dos mecanismos adoptados para fomentar o uso do galego é a realización de cursos. ¿Qué lle parece que inflúan na escala?

-Máis que na escala, inflúen á hora de solicitar praza. Paréceme ben, é fundamental coñecer a lingua na que fala boa parta da sociedade galega.

-¿Pero non pode supor un problema para eses galegos con prazas noutras comunidades e que queren retornar?

-Si, é certo, isto podería supor unha complicación. Deberíase habilitar un sistema polo cal os galegos que estean noutras comunidades poidan acceder aos cursos que aquí se implantan.