Esas mulleres de Cambados que tanto merecen un premio

La Voz

CAMBADOS

MARTINA MISER

La cita, esta tarde, a las seis, en el Salón Peña

11 mar 2018 . Actualizado a las 05:00 h.

Pasou o que, probablemente, teña sido o 8 de marzo máis emocionante da historia. Pasou o que, probablemente, quede marcado nos libros como un momento no que as mulleres tomaron conciencia da súa fortaleza. Da súa afouteza. Pasou, e parece que foi quen de dar novos azos a todas aquelas que levan anos loitando pola igualdade. Moitas, sen ser sequera conscientes diso. Hoxe pola tarde, en Cambados, váiselle render homenaxe a un grupo de mulleres da vila que ben merece un recoñecemento, un premio, unha gala de loubanza. A cita será ás seis da tarde no salón de congresos José Peña, e a alcaldesa, Fátima Abal, confía en que o recinto se encha para darlle áss protagonistas do acto os aplausos que merecen.

No acto, as voces serán todas femininas. Dende a da presentadora, papel para o que foi seleccionada Carmen Pením, escritora e cantante que acaba de publicar «Heredeiras». Tamén estará no evento Beatriz Piñeiro, da Asociación da Igualdade en Pontevedra. ¿E as premiadas? Os recoñecementos van, desta volta, a un bo número de veciñas. Por unha banda, «premiarase a traxectoria das mulleres viticultoras de Unións Agrarias xa xubiladas e ás mozas». Tamén haberá agasallo e cariños para a muller máis vella de Cambados, que ten cen anos, e outro agarimo para a última cativa empadronada no Concello.

De poñerlle música ao acto encargarase a Asociación Xironsa e Pandereteiras Maiores. E, aproveitando que no salón José Peña estase a desenvolver a mostra da Camelia, a flor da igualdade, tamén se agasallará a algunhas das premiadas no certame. Aos organizadores do mesmo agradécelles Fátima Abal a colaboración na decoración do acto.