Cambados recupera a memoria da xeración dos anos 30 con libros, webs e unha aplicación

Maruxa Alfonso Laya
m. alfonso CAMBADOS / LA VOZ

CAMBADOS

MARTINA MISER

Estudantes dos institutos fixeron o traballo de investigación

04 mar 2018 . Actualizado a las 05:00 h.

O novo proxecto da concellería de Cultura de Cambados busca promover o uso e difusión do galego entre o alumnado de secundaria. Pero, de paso, permitirá a este estudantes recuperar a memoria da xeración nada arredor dos anos 30. «A memoria das palabras» é o título deste programa, que será presentado o venres no auditorio municipal. Os rapaces levan meses investigando as vidas dos seus avós. E coas súas obras, e a axuda da Deputación, o Concello editará dous libros, creará un sitio web e ata unha aplicación telefónica.

A participación nesta iniciativa estivo aberta a todo o alumnado do Asorey e do Cabanillas, que foi coordinado polos equipos de normalización lingüística destes centros. Cada estudante escolleu a unha persoa maior, normalmente os seus avós, para facer sobre ela un traballo de investigación e redacción que acompañou de fotografías, documentos ou debuxos que axudaran a explicar as dificultades e vivencias desa xeración que naceu arredor dos anos 30. Pero o proxecto vai máis aló, porque o Concello quere aproveitalo para poñer en marcha o arquivo da memoria de Cambados, un sitio web no que aloxar información e coñecemento do pasado desta localidade. Así, estes traballos que naceron no ámbito escolar serán obxecto de difusión pública mediante a edición de dous libros, un sobre mulleres e outro sobre homes, e tamén creando unha páxina web, ademais dunha aplicación móbil. «Será unha magnífica oportunidade para coñecermos as vidas de traballo, precariedade e dificultade polas que pasaron os nosos veciños de maior idade», explicou o concelleiro Víctor Caamaño.

Tanto a web coma a aplicación e os libros estarán dispoñibles a partir da presentación pública deste proxecto, que será o venres ás oito da tarde na Xuventude. No acto participarán a profesora Maribel Iglesias, en representación dos institutos, e os prologuistas de cada libro, María Xosé Cacabelos e Francisco Fernández Rei. Caamaño anima tamén aos veciños a estar presentes.