«Segue a ser rendible traballar a terra, o problema é o tamaño das fincas»
CAMBADOS
A organización agraria acaba de abrir novas oficinas en Cambados, onde atende a viticultores e agricultores
17 feb 2018 . Actualizado a las 05:00 h.O viño, a horta e as granxas avícolas son os tres sectores nos que Unións Agrarias centra o seu traballo. Só na oficina de Cambados, que acaban de inaugurar, teñen máis de 600 afiliados. Axudarlles a tramitar subvencións, a incorporarse ao consello regulador ou ofrecer cursos de formación son algunhas das actividades que realizan. A organización considera que o sector ten futuro. A proba, que segue habendo mozos que apostan por esta profesión.
-Di que os mozos están topando no campo unha saída laboral.
-Si que vemos certa actividade outra vez entre a xente nova, sobre todo ligada ás axudas de incorporación á agricultura para mozos. Son unhas axudas importantes. Hai algunhas cesións de pais a fillos e outro xeito é que se van facendo con parcelas, moitos arrendando, e cando chegan á superficie mínima se dan de alta.
-¿Pero esta é unha actividade rendible?
-Segue a ser rendible traballar a terra, aínda que a xente se atopa con dous problemas. O primeiro é a dimensión das explotacións, hai un problema para conseguir terras. Asociado a iso, están os prezos. O produtor é o que asume sempre todos os problemas, é o último eslabón. Se a central de compras apreta ao intermediario, este vai apretar ao produtor, que leva a peor parte.
-Falando da uva estamos inmersos en plena campaña de solicitude de dereitos de plantación
-Si, hasta finais de mes se poden solicitar. En anos anteriores concederon dereitos a todo o mundo que os solicitou, co cal derronlle so o 32 % de que pedían. Unha persoa que pedira para abrir unha explotación de mil metros cadrados, recibiu 320 metros ¿Qué fai con iso? Non se pode facer café para todos, hai que priorizar e dar preferencia aos viticultores profesionais. Aínda que iso ten o problema de que se algún agricultor mozo se quere incorporar non poida entrar. E tamén deberían priorizar iso. No campo, a poboación está moi envellecida e por iso hai que tentar incentivar aos mozos. É un traballo duro, pero moi digno.
-Aquí a tendencia era a cultivar un pouco de todo ¿non?
-Hai anos había agricultores que tiñan un pouco de todo. Agora, cada vez máis, se centran nunha cousa, os que son profesionais claro. A horta require moita dedicación e o viño, aínda que non é un traballo diario, hai catro épocas no ano que precisa de moito traballo. Son épocas puntuais, onde non se pode facer outra cousa. O viticultor de fin de semana dá os tratamentos porque non ten outro momento, o profesional aplícaos porque toca. O bo que ten ese viticultor é que non vive desto, practica unha viticultura social, que é algo moi característico de Rías Baixas. Nós non defendemos as grandes plantacións, Medio Rural di que a partir de dúas hectáreas pode vivir unha persoa desto.
-Atopar parcelas desas dimensións non é sinxelo.
-So hai nos igrexarios ou nos montes comunais. Agora hai concentracións que acaban de rematar, como a de Lois-Montes de Ribadumia ou a de Tremoedo.
-¿As parcelarias seguen a ser imprescindibles?
-O problema coas parcelarias é que as empezan e non as rematan. Quedan nun impás durante un tempo determinado, ás veces por falta de cartos, ás veces por problemas cos veciños… En Meis, por exemplo, están case todas paradas. Nós somos uns firmes defensores das parcelarias, pero hai que facelas ben e a administración ten que estar moi vixiante.
-A dimensión das parcelas é un problema ¿E o seu prezo?
-Os terreos agrarios son moi caros. Moitos propietarios teñen medo a arrendalos, porque creen que poden coller algún tipo de dereito sobre as súas propiedades. E iso non é certo, porque se poden facer contratos. Aquí hai un grande apego á terra que impide a súa mobilidade. Pero tamén é o que da lugar a esa viticultura tradicional e social, que temos que transformar en explotacións rendibles. Temos que conseguir que eses viticultores sexan xente de aquí, que non pase a estar todo nas mans das grandes adegas porque o viño vai perder moita variedade, nin sequera a produción é a mesma. O viticultor que coida da viña día a día saca un mellor resultado que as grandes plantacións. Está demostrado.