O baloncesto arousán confía na boa vontade da afección

p.p. vázquez

CAMBADOS

MARTINA MISER

o CLB e o Xuven Cambados, animan os seus afeccionados a facer unha pequena demostración da súa boa vontade, e participar activamente nas iniciativas solidarias de ambas as dúas directivas

14 dic 2017 . Actualizado a las 10:56 h.

A que vén será a derradeira fin de semana con partidos de competición oficial no mundo do baloncesto arousán dun 2017 que ve pasar as últimas follas do seu calendario. Co Nadal á volta da esquina, as dúas entidades de referencia do deporte da canastra na comarca, o CLB e o Xuven Cambados, animan os seus afeccionados a facer unha pequena demostración da súa boa vontade, e participar activamente nas iniciativas solidarias de ambas as dúas directivas con cadansúa asociación benéfica coma intermediario cos destinatarios finais: as familias e as persoas que neste mes, e o resto do ano, non poden exercer o seu dereito a vivir nunhas condicións económicas dignas sen axudas de terceiros.

O CLB, o proxecto de baloncesto base que aglutina baixo un mesmo paraugas o Cortegada, a antiga sección de baloncesto do Liceo Casino e o BBC, anima os seus afeccionados e os dos equipos rivais nos once partidos que a súa canteira disputará ao longo desta vindeira fin de semana a acudir aos encontros nos pavillóns de Fontecarmoa, da rúa Castelao e do Instituto de Carril con leite e con turrón. Baixo o lema Métele un triple al hambre, os alimentos recollidos serán entregados á Fundación Amigos de Galicia para a súa distribución entre as 291 persoas, delas 114 menores de idade, de 91 familias que leva asistindo no presente ano. Unha iniciativa pensada principalmente para os máis cativos, de aí a elección do leite, parte fundamental para o correcto crecemento e desenvolvemento físico e intelectual dun rapaz.

Na mesma liña, o Xuven apela os seus arredor de 600 socios e calquera outro afeccionado do primeiro plantel amarelo a que acudan o sábado ao Pavillón Municipal do Pombal ao partido da Liga de LEB Plata entre o cadro arousán e o C.B. Extremadura Plasencia con alimentos. O recollido será entregado a Cáritas, para a súa entrega á xente máis necesitada. Neste caso, sen máis restricción co que pide a lóxica á hora de facilitar o transporte fácil dos produtos doados e a súa posterior distribución e consumo durante as vindeiras semanas.