O C.A. Cambados Seguros Noval gaña o Circuito de Carreiras Pedestres Pontevedra

Pablo Penedo Vázquez
pablo penedo VILAGARCÍA / LA VOZ

CAMBADOS

Martina Miser

O primeiro equipo da vila do albariño impúxose en seis das sete probas

27 oct 2017 . Actualizado a las 05:00 h.

Venceu, e convenceu. O equipo A do Club Atletismo Cambados-Seguros Noval pechou a pasada fin de semana unha participación case inmaculada na quinta edición do Circuito de Carreiras Pedestres Pontevedra. Facéndose co primeiro posto na xeral logo de impoñerse en seis das sete citas que compoñían o calendario deste ano. Isto é, nas de San Brais (6,5 quilómetros), a Urban Trail Night (14), a de Monteporreiro (8), Pontenoite (10), Santiaguiño do Burgo (6,4) e a Media Maratón de Pontevedra (21). Tan só na carreira que fixaba o ecuador do Circuito, a de Campañó (8,6 quilómetros), o equipo da vila do albariño se baixou da altura principal do podio. Iso si, para situarse no segundo chanzo. En total, 8 puntos, polos 20 do C.D. Pinarium, segundo mellor conxunto dos quince en lid, entre eles outros dous do C.A.C.-Seguros Noval.

O do equipo campión foi un éxito colectivo con doce nomes propios: David Martínez, con dúas participacións no Ironman de Lanzarote ás costas a década pasada, Lucas Pouso, Maxi Oubiña, director técnico do club, Pablo Santos, o chef Yayo Daporta -unha estrela Michelín-, José Antonio González, Carmelo Oubiña e Sergio Santos, os dous últimos participantes no Ironman Northwest Triman das Pontes, Andrés Sueiro, Chus Otero, Susana Chaves e Nuria Santiago. Esta última atleta do Punta Cabalo Arousa Runners da Illa. Corredores de entre 34 e 42 anos. De todos eles en cada liña de meta tomábanse os seis mellores tempos, debendo ser alomenos un atleta de sexo diferente ao do resto. O equipo B do C.A.C.-Seguros Noval concluíu quinto na xeral, e o C na decimoterceira praza.

Ademais de na clasificación colectiva, o club cambadés contou con oito integrantes dos tres planteis cos que participou no quinto Circuito de Carreiras Pedestres Pontevedra nos podios individuais das súas respectivas categorías de idade. Con Lupe Villar como única campioa, na clasificación feminina de máis de 60 anos.

 

Club aberto e adaptable

O director técnico do Club Atletismo Cambados-Seguros Noval, Maxi Oubiña, recoñece que o seu obxectivo era rematar no podio do Circuito, logo de quedar ás portas o ano anterior, conseguindo o pasado domingo o maior éxito da súa curta historia. Con todo, na que é aínda a súa terceira tempada de vida, o colectivo, explica Maxi, traballa coa «idea de gozar do atletismo. No club temos xente que vén competir, e outra que só quere facer deporte. Adestramos en función dos ritmos e dos intereses de cada quen.Pero todos tiramos de todos».

Nenos á marxe, o C.A.C.-Seguros Noval conta hoxe cuns 70 atletas séniores que se adestran nas pistas do Pombal os martes e xoves de 20.30 a 22 horas, abertos á suma de novos deportistas.