«Estaba a saír da lonxa marisco de forma ilegal; non é algo que se poida consentir»

Rosa Estévez
rosa estévez CAMBADOS / LA VOZ

CAMBADOS

MARTINA MISER

Sinala que o TSXG avala o despido de tres traballadores pola sustracción de produto da sala de subastas cambadesa

12 oct 2017 . Actualizado a las 05:00 h.

Onte, por terceiro día consecutivo, a Garda Civil acudiu á lonxa de Cambados para evitar problemas á hora da subhasta. Unha parte dos compradores decidiran o luns non mercar peixe en Tragove en protesta polo despedimento de tres traballadores.

-¿Sorprendido por esta reacción?

-Nós fomos absolutamente escrupulosos en todo este tema. Cando as primeiras sentenzas nos foron contrarias, acatámolas e readmitimos a estes traballadores sen problemas. Agora o TSXG di que os despedimentos son procedentes, os xuíces entraron no fondo da cuestión e está claro que foi o que pasou. Pero parece que polo outro lado non se aceptan as cousas igual. E así chegamos a este momento no que un grupo de xente está a vulnerar a lei, a coaccionar aos compradores e aos armadores, con whatsapps e con chamadas... E iso terá que ter unha resposta pola nosa parte.

-Pero se os compradores non queren comprar, están no seu dereito...

-Ninguén di o contrario. Certamente, se un comprador non quere mercar produto non ten que facelo. É obvio. Pero o que non poden facer é coartar aos demais con abucheos ou con bucinas, como estiveron a facer. Insisto, nós temos que dar unha resposta a esa situación.

-¿Como está a ser a situación na lonxa?

-Está a haber pouco peixe, porque os armadores non teñen seguridade de que o seu produto se vaia a vender e marchan a outras lonxas. Os armadores son empresas, estamos falando do traballo da xente. Polo demais, nas subhastas de hoxe houbo xente que foi e comprou o peixe... En todo este tema nós actuamos dentro da máis escrupulosa legalidade. Demostramos que a confraría tiña un problema, e a nós correspondíanos solucionalo. Estaba a saír da lonxa marisco de forma ilegal, beneficiando a terceiros, e iso non é algo que se poida consentir, porque non só falamos dunha sustracción, falamos de trazabilidade e de sanidade. Houbera advertencias, avisos, pero non se atenderon. Saber e consentir un comportamento así vólvete cómplice, e iso non vai con nós. Tomar a decisión de abrir este proceso non foi fácil nin para min, nin para o resto dos meus compañeiros da directiva, pero tiñamos que facelo, porque temos que pensar nos socios, nos compradores e tamén nos consumidores.

-¿Canto tempo cre que vai durar esta situación?

-Non acostumo a facer prognósticos. Neste momento tócanos aguantar o que hai e intentar reconducir a situación, pero sempre dentro da legalidade.

-A outra parte di que vostede non fixo ata agora ningún intento de dialogar.

-¿Dialogar con quen? ¿E sobre que? Hai unha sentenza que di que os despedimentos son procedentes. A xente que ten licenza para mercar e non quere facelo, que non o faga. Pero que respecten aos que si queren mercar na lonxa de Cambados. E non o están facendo. Eles tampouco viñeron nin falar, nin preguntar o que quixeran preguntar... Tomaron a decisión de boicotear as subhastas.

-Aseguran que detrás de todo isto hai unha persecución política. ¿Que lle parece esa acusación?

-No primeiro xuízo que houbo por este tema, ese foi o argumento que eles utilizaron, que era unha persecución política, e xa quedou desbotado polo xuíz. Quen me coñece sabe que non teño ningún interese na política, nunca o tiven. É certo que hai xente do meu grupo que está posicionada, pero todos temos claro para o que estamos aquí: para traballar polo ben da confraría e dos socios.

-¿Hai posibilidade de que eses traballadores volvan aos seus postos?

-Eles recoñeceron uns feitos cos que traizoaron a confianza que se depositara neles, e a confianza non é algo fácil de recuperar.

«Hai un sector de xente ao que parece que lles molesta que as cousas vaian ben»

A postura da directiva da confraría neste asunto é firme. «Ter que xustificar algo cando a lei xa che deu a razón podería chegar a parecer cómico», argumenta Ruperto Costa, que recoñece que os traballadores inda teñen a opción de recorrer o ditame do TSXG. Di o patrón maior que a situación que se está a vivir estes últimos día na lonxa de Cambados «é triste e inxusta». Pero non hai volta atrás, así que a confraría está a cuantificar as perdas destas últimas xornadas.

-¿Xa teñen os cálculos?

-Non. Non temos a valoración pechada aínda. Os datos do primeiro día xa están, pero aínda temos que incorporar os dos demais. Logo veremos por que vía os reclamamos.

-¿Confía en que prospere esa reclamación? Non parece moi fácil.

-Veremos como o enfocamos.

-Deixando isto a un lado, os xulgados están a lles dar boas novas ultimamente...

-O ideal sería non ter que acudir aos xulgados. Iso non é do agrado de ninguén. Pero está claro que nós temos que defender o noso. Intentamos levar a xestión máis sensata e coherente posible, pero hai condutas que non se poden consentir. Toda esta polémica acabaríase se se puideran ver as cintas que aportamos como probas. Pero é ilegal amosalas; outra cousa sería que eles autorizasen a que se visen, pero non creo que o vaian facer.

-Eu referíame o caso do «Tragove», que lles deu un bo balón de osíxeno, ¿non?.

-Para nós é algo moi importante, moi positivo. Cando chegamos, a confraría estaba ao borde da quebra, pero fixemos un plan de contención de gastos importante que deu os seus froitos, e isto ven mellorar un pouco máis a situación. Pero parece claro que hai un sector de xente ao que parece que lles molesta que as cousas vaian ben.