Cambados empezará a sinalizar este ano o roteiro Cabanillas

Bea Costa
bea costa CAMBADOS / LA VOZ

CAMBADOS

BEA COSTA

Ramón Caride dirixe este sábado unha nova saída pola vila co libro «A terra asoballada» como eixo condutor

27 sep 2017 . Actualizado a las 12:59 h.

Para que ninguén se perda detalle da vinculación de Ramón Cabanillas con Cambados, na súa vila natal hai tempo que crearon unha ruta baseada nos lugares relacionados coa vida e obra do autor. Pero a este itinerario fáltalle a sinalización, eiva que se vai empezar a solucionar este ano. O concelleiro de Cultura, Víctor Caamaño, anuncia a próxima instalación de nove sinais, que serán as primeiras dun total de 24 que se van instalar con fondos do Plan Concellos da Deputación de Pontevedra. O próximo paso consistirá en editar un folleto que actuará de guía do percorrido completo.

Non chegarán a tempo para a saída organizada para este sábado, pero ninguén vai perderse. Dentro do programa dos roteiros literarios que organiza a Deputación de Pontevedra no marco das actividades do Ano do Patrimonio, inclúese a Ramón Cabanillas e o seu libro de poemas Da terra asoballada, e o percorrido estará guiado polo profesor e escritor Ramón Caride Ogando.

Ao igual que ocorrera coas catro saídas anteriores, as cincuenta prazas dispoñibles xa están cubertas. Un aspecto este que Ramón Caride valorou moi positivamente igual que o feito de que vaian ser os propios participantes os encargados de ler os poemas elixidos en cada unha das paradas programadas.

O punto de partida será a praza do Concello (11.30 horas) e completará un itinerario que inclúe lugares relacionados co nacemento, infancia, vida e morte do poeta, así como a coetáneos seus tales como Asorei, Valle-Inclán e Plácido Castro. En total faranse dez paradas, nas que Ramón Caride explicará a importancia de cada enclave en relación á obra ou á traxectoria vital do Poeta da Raza. Os espazos escollidos pasan polo monumento da Calzada, a casa natal do autor, a praza de Fefiñáns, a praza de Asorei, a igrexa do Convento, a biblioteca Luís Rei, as ruínas de Santa Mariña, o pazo de Montesacro e a casa derradeira do poeta na rúa do Hospital. O remate terá lugar na confraría de pescadores, que está a celebrar o seu centenario neste 2017.

O deputado de Cultura, Xosé Leal, desprazouse onte a Cambados para presentar a ruta xunto a Caamaño e Caride, onde aludiu a aposta da Deputación por «poñer en valor escritores e escritoras en relación aos lugares sobre os que escribiron ou nos que viviron e relacionar unha obra concreta cun percorrido, como neste caso».

«O que queremos é potenciar a riqueza que temos na provincia, dando a coñecer o noso patrimonio inmaterial a través da literatura, da cultura e, mesmo, da historia e da memoria», subliñou o deputado nacionalista.