A Xunta inicia a expropiación de terreos para a senda que circundará o polígono do Salnés

Cambados / Ribadumia LA VOZ

CAMBADOS

MARTINA MISER

Terá algo máis dun quilómetro e está destinada a cicilistas e peóns

06 sep 2017 . Actualizado a las 12:53 h.

A Xunta, a través da Consellería de Infraestruturas e Vivenda, publica hoxe no Diario Oficial de Galicia (DOG) o decreto polo que se declara a utilidade pública e se dispón a urxente ocupación dos bens e dereitos afectados polo proxecto de construción do itinerario peonil e ciclista na estrada PO-300, entre Vilariño e o polígono do Salnés, nos concellos de Cambados e Ribadumia 

A execución deste itinerario forma parte do Plan de sendas de Galicia na comarca do Salnés, e ten por «obxectivo favorecer unha mobilidade segura e sustentable». Esta actuación, conta cun investimento que supera os 340.000 euros e será cofinanciada polo Programa Operativo FEDER Galicia 2014-2020.

A actuación consiste na execución dunha senda de algo máis dun quilómetro para uso de peóns e de ciclistas na marxe dereita da estrada PO-300, no perímetro dos polígonos industriais de Ribadumia e Cambados.

A senda iníciase onde se atopa a primeira intersección de acceso ao polígono industrial do Salnés e desenvolverase pola marxe dereita da estrada ata conectar coas beirarrúas existentes en Sameiro. Esta infraestrutura permitirá completar un itinerario peonil continuo desde o polígono industrial do Salnés ata Cambados, segundo informan desde a consellería. A sección tipo da senda contará con tres metros de ancho e separarase da calzada por medio dunha banda axardinada de medio quilómetro e os correspondentes bordos de separación.

A obra incluirá a instalación dos sistemas de recollida das augas de drenaxe necesarios e a colocación da canalizacións que permitan nun futuro a instalación de redes de telecomunicacións ou electricidade.