Budiño: «Gústame traballar con persoas afíns co que eu sinto»

andrés valenzuela / b. c

CAMBADOS

A nova entrega dos Xoves de Códax vén cun espectáculo de música galega repleto de animados ritmos gaiteiros

31 ago 2017 . Actualizado a las 05:00 h.

Xosé Manuel Budiño é un reputado músico galego. Xunto a outros artistas que complementan a súa arte, este moañés toca hoxe nos Xoves de Códax, na adega Martín Códax de Cambados, ás 20.30 horas. Afeito a actuar ata en catro continentes distintos, Budiño destaca pola súa habilidade coa gaita.

-¿Como comezou o seu interese pola música?

-Dende moi neno comecei coa frauta, tocaba música tradicional galega. Logo veu unha evolución lóxica na que me acheguei a outros tipos de música. Finalmente descubrín a composición, que é realmente o que máis me gusta: crear melodías novas.

-¿Cales son as súas principais influencias?

-Moitísimas. O jazz, o rock, o pop, a música clásica... Todo o que realmente me transmite emocións. Non reparo nas etiquetas, senón nas persoas que fan a música. Gústame traballar con persoas que teñen unha afinidade co que eu sinto. Ultimamente estou tocando con xente de moito nivel, como Javier Simón ou Luiz Caracol, ambos actúan comigo nesta ocasión.

-¿Transmite tanto unha música instrumental como unha que inclúe voz?

-Creo que a música son emocións. Ás veces usas o aspecto instrumental para chegar onde coa letra non podes. Para min son dúas paixóns, levo toda a vida compaxinando estas facetas. De feito, hoxe a maior parte do concerto será vocal. Vai ser un espectáculo especial. Non o fixemos nunca nin o repetiremos no futuro.

-Percorreu multitude de países coa súa música, ¿como valora esas experiencias?

-Foron moitos sitios nos últimos vinte anos. Percorremos lugares espectaculares: Shangai, Xordania, Casablanca, a cidade de Damasco en Siria hai uns dez anos... Tamén practicamente todos os países de Europa e, ultimamente, fomos ás américas, a países como Canadá, México ou Arxentina. Son moitas viaxes e todas elas inesquecibles. Destas experiencias sempre trouxen un montón de enerxía para compoñer a miña música.

-Chama a atención a actuación en Siria antes da guerra, ¿como a recorda?

-Foi marabilloso poder tocar no Palacio da Ópera en Damasco. A xente era encantadora e moi acolledora. Agora o país está bastante tocado. Nós puidemos vivir Damasco no seu máximo esplendor, con esa luz e o sorriso da súa xente. Son grandes momentos para o recordo e esperamos poder revivilos algún día.

-¿Que opinión ten do proxecto dos Xoves de Códax?

-É unha iniciativa que permite traballar xunto a outros grandes profesionais. É un soño poder facer directos con músicos como Javier Simón ou Luiz Caracol, exprimir diferentes zumes con xente con tantísimo talento.