Somos Cambados pedirá en pleno a recuperación para uso público do pazo de Meirás

Cambados LA VOZ

CAMBADOS

MONICA IRAGO

Na moción que someterán a votación piden que sexa o Concello de Sada o que xestione as visitas ao inmoble

22 ago 2017 . Actualizado a las 17:13 h.

O grupo municipal de Somos Cambados defenderá no pleno ordinario deste mes unha moción para reclamar a recuperación do pazo de Meirás como espazo de titularidade e uso públicos e o desaloxo da Fundación Franco como xestora das visitas a este edificio declarado Ben de Interese Cultural (BIC). A proposta tamén solicita que sexa o Concello de Sada quen asuma esta tarefa.

Nesta liña, a moción pide que o Concello da Cambados se sume ás decisións adoptadas en Sada no pleno extraordinario do 12 de agosto, e dea apoio «dentro das súa competencias, a todas as iniciativas que se desenvolvan para garantir o cumprimento do acordado». Nestes acordos, ínstase á Xunta de Galicia a permitir que o Concello de Sada xestione as visitas ao Pazo de Meirás; evitar que sexa a Fundación Franco a que se ocupe de organizar as visitas; esixir á familia Franco, propietaria do pazo, que cumpra co réxime de visitas obrigado pola Lei de patrimonio cultural de Galicia; formalizar unha declaración institucional de condena expresa ante os comunicados emitidos pola Fundación Francisco Franco, «nos que se fai apoloxía clara da ditadura, así como de apoio á memoria das vítimas do franquismo», segundo se recolle na moción.

«Tanto a Xunta de Galicia como o goberno do Estado deben dar o apoio institucional necesario a todas aquelas actuacións encamiñadas a recuperar o pazo de Meirás para a titularidade e o uso públicos», engade o grupo de municipal de Somos Cambados, que recorda que «a razón democrática esixe que as vítimas obteñan memoria, xustiza, respecto, recoñecemento e reparación, e iso non terá lugar mentres non se poña fin ao espolio que significou a adquisición do pazo por medio da ameaza e a extorsión».

No texto da moción tamén se lembra, do mesmo xeito, que tanto a Lei de Memoria Histórica como a vixente normativa estatal de fundacións deben ter como obxectivo común «tanto un maior recoñecemento das vítimas da represión no primeiro caso, como o impedimento legal para que entidades como a Francisco Franco poidan impunemente e mesmo ao amparo da legalidade democrática divulgar, louvar e difundir o terror franquista, no segundo».

Somos Cambados considera «unha burla ao pobo galego e unha ignominia ás vítimas da barbarie franquista que un ben de interese cultural sexa xestionado pola fundación que glorifica a un ditador sanguinario e conclúen que debería ser ilegalizada e nin ter nada que ver co pazo de Meirás, que debe ser de dominio público.